A Mariña Lucense afrontará un ano máis o inicio da tempada alta cun déficit de socorristas. Todos os concellos costeiros da bisbarra comezarán o mes de xullo sen os vixilantes previstos para o período estival.
En Foz, o goberno local contará con doce socorristas, os incluídos no plan de emprego disposto polo anterior executivo.
O municipio, que precisaría de 16 profesionais, non poderá contar con vixilantes subvencionados pola Xunta de Galicia despois de que o anterior goberno non solicitase a axuda da Administración galega.
Os socorristas repartiranse entre A Rapadoira, Llas, Peizás, A Areoura e As Polas, que reabre. “Quixemos abrir o maior número posible de praias para que desfruten con seguridade o maior número posible de usuarios”, expón o alcalde, o socialista Fran Cajoto.
O horario do servizo de socorrismo nos areais será de 12.00 a 19.00 horas de luns a venres, mentres que os sábados e os domingos ampliarase unha hora máis polas tardes.
BURELA
En Burela, o executivo municipal pechará a principios da semana que vén o proceso selectivo dos oito socorristas custeados pola Xunta, e ten en marcha a convocatoria para contratar outros dous vixilantes a través dun plan de emprego subvencionado co Plan Único da Deputación de Lugo.
O Concello aspira a cubrir as praias da Marosa, O Portelo -que perdeu a bandeira azul- e Ril, pero de non completarse as dez prazas priorizará cubrir as dúas primeiras.
“Son onde documentamos ano tras ano as maiores incidencias, por afluencia de xente e tamén porque A Marosa é unha praia complicada”, indica o concelleiro de turismo en funcións, Ramiro Fernández Rey.
BARREIROS
Barreiros conta a día de hoxe con 14 socorristas, oito que financiará a Xunta e outros seis custeados polo goberno municipal, que quitou unha convocatoria de sete prazas. O concelleiro de dinamización, Daniel García, sinala que o executivo busca o décimo quinto vixilante. Ademais, traballará durante o verán unha técnica sanitaria e o equipo contará cunha zodiac.
Altar (con dous profesionais), Acantilado (un), Remior (un), Coto (dous), Fontela-Valea (dous), As Pasadas (un) e Reinante (cun ou dous profesionais en función de que se poida contratar un novo socorrista), serán as praias barreirenses con servizo de socorrismo.
A redución das axudas concedidas pola Xunta -financiou 19 vixilantes no 2018- e a pouca marxe de manobra a nivel económico foron dous problemas sinalados polo bipartito barreirense á hora de contratar profesionais, situacións que se uniron á habitual falta de demanda dos últimos veráns.
Así, o edil sinala que o equipo de socorristas está a a traballar “coa maior responsabilidade nunha situación díficil” e pide “paciencia e colaboración” tanto á veciñanza como aos turistas que escollan as praias de Barreiros para desfrutar do seu tempo libre.
O VICEDO
No Vicedo, que conta con dúas bandeiras azuis, unha delas recuperada por Abrela, o goberno local está pendente de pechar a segunda convocatoria para a contratación dos socorristas, despois dunha primeira chamada na que se presentaron tres aspirantes para as seis prazas requeridas, sen que ningún aceptase finalmente as condicións propostas.
VIVEIRO
En Viveiro, o servizo comezará con cinco dos sete socorristas concedidos pola Xunta. Vixilaranse as praias de Area e Covas.
Segundo expón a alcaldesa, a socialista María Loureiro, O Concello abriu unha nova convocatoria que se mantén aberta para completar o cupo de profesionais.
CERVO
Cervo foi outro dos concellos que tivo problemas para contratar socorristas, e iniciará o mes de xullo con catro profesionais dos sete que require, un deles para abrir a piscina de Río Covo. Os socorristas traballarán no areal do Torno, con bandeira azul.
XOVE
En Xove, o alcalde, o popular Demetrio Salgueiro, precisa que o municipio conta por agora con catro socorristas do total de seis que necesita, polo que realizará unha nova convocatoria.
Malia que Xove imparte cada ano o curso de formación de socorrismo co financiamento da Xunta, de xeito que o alumnado o pode cursar de balde, o Concello está a ter problemas similares aos doutros municipios para completar o equipo de vixilancia nas praias.
Así, puido contratar a catro dos seis socorristas que necesita. O servizo comezará a ofrecerse en Esteiro, a praia máis perigosa das que hai no municipio. En función dos profesionais dispoñibles, a vixilancia ampliarase primeiro a Lago e despois a Portocelo.
RIBADEO
Ribadeo, que abriu as praias a mediados de mes, comezará o mes de xullo con catorce socorristas nos areais das Illas, Os Castros, Esteiro e As Catedrais e tres técnicos sanitarios.
O concello precisa catro vixiantes máis para dotar deste servizo a praia urbana dos Bloques pero estase a atopar coas mesmas dificultades que outros municipios para cubrir as prazas.
A FORMACIÓN, FONTE DE POLÉMICA
Salgueiro insta aos gobernos locais da Mariña Lucense a “concienciarse” e ofrecer tamén esta formación. “Ofertamos 15 prazas por cada curso e está claro que nós sós non imos poder solventar as necesidades que ten a comarca”, sostén.
O rexedor argumenta que “non é que a xente non queira traballar, é que non ten o título para este traballo, que ten unha responsabilidade. Lamentámonos de que non atopamos profesionais pero a Xunta está a darnos unha oportunidade gratuíta tanto para os alumnos como para as administracións locais”, conclúe.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, responsabiliza á Xunta de Galicia da falta de demanda.
Considera que a titulación requerida -un curso presencial de 420 horas– é “demasiado esixente” e compara a situación coa dos veciños concellos asturianos onde “contan con profesionais capacitados” para realizar a súa labor. Neste senso, acusa ao goberno galego dunha política “temeraria” e sinala “que serán responsables do que suceda nos areais galegos.
O rexedor ribadense lembra que o Executivo autonómico só subvenciona a contratación de oito socorristas por dous meses polo que, para abrir as praias desde a segunda quincena de xuño ata a segunda de setembro, o servizo finánciase na meirande parte con fondos municipais.