A alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Ermida, garantiu este mércores que os 70 empregados, entre funcionarios e traballadores que fan labores para este municipio mariñao, “cobrarán as súas nóminas“, a pesar da “situación límite” das arcas municipais.
Ermida explicou que “na conta xeral que se aprobará no próximo pleno de setembro acompáñase un informe relativo á execución do orzamento de 2018 e o que di a secretaria intervención é que se fixeron unha serie de gastos sobre os que non houbo o suficiente control“.
INCUMPRIRASE O PRAZO MEDIO DE PAGO A PROVEDORES
Esta situación “límite”, destacou, non afectará as nóminas dos empregados municipais aínda que si aos provedores. “Probablemente, incúmprase o prazo medio de pago que se estipula”, admitiu.
A rexedora de Barreiros explicou que “hai gastos que xa están aprobados”. “E estamos a tramitar as cuestións para levar un control e ver que estean dentro do orzamento (de 2018)”, abundou. “A xestión que estamos a facer é de control, pero garantindo que os traballadores cobren. Non se pode estar a xogar co pan da xente“, insistiu.
GASTOS APROBADOS “XUSTO ANTES DE ELECCIÓNS”
Ermida puntualizou que “a débeda é de ao redor de 1.800.000 euros, que é a débeda financeira“, indicou. Isto “supón un 40 por cento do orzamento municipal“, calculou.
“Habería que analizar as facturas que foron aprobadas xusto antes das eleccións municipais e que quedaron pendentes de pago e que está a afrontar o novo goberno”, concluíu a alcaldesa de Barreiros.
No pasado mes de xuño, antes da investidura, os nacionalistas denunciaron que o goberno de Alfonso Fuente Parga (PP), aprobara facturas por 470.000 euros días antes de perder as eleccións, unha situación que o anterior rexedor cualificou de “normal”, pois “todos os Concellos asinan ao final das lexislaturas os recibos acumulados”.