InicioPolíticaFuente ve "normal" aprobar 470.000 euros en facturas nun día e pregunta...

Fuente ve “normal” aprobar 470.000 euros en facturas nun día e pregunta se ao BNG “lle asusta gobernar”

Afirma que "todos os Concellos" asinan ao final das lexislaturas "os recibos acumulados" e acusa ao Bloque de querer "desviar a atención" sobre un suposto fracaso para formar goberno

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde de Barreiros en funcións, o popular Alfonso Fuente Parga, explicouse despois da denuncia do Bloque Nacionalista Galego (BNG), que revelou o pasado xoves que o goberno local do PP aprobou o pasado 24 de maio, a dous días das eleccións municipais, facturas por importe de 470.000 euros.

O partido frontista dubidou da “legalidade” da aprobación dos recibos e reclamou unha auditoría que “clarifique” os traballos e pagos realizados. Así, os nacionalistas acusaron a Fuente Parga de querer deixar o municipio en situación “límite” e de “ingobernabilidade” poucos días antes duns comicios locais nos que o Partido Popular, despois de varias décadas, deixou de ser a forza máis votada.

O rexedor barreirense en funcións non negou en ningún momento a contía, para asegurar que “é normal que un goberno local, cando vai acabar a lexislatura, aprobe todas aquelas facturas que quedan pendentes e acumuladas de antes”, argumenta.

Respecto dos conceptos que motivan as facturas, sobre os que o BNG mostrou as súas dúbidas, Fuente Parga sinala que se corresponden “con traballos realizados, como os da construción da nova depuradora, de reparación do alumeado público ou da traída“.

“CORTINA DE FUME”

O Bloque salientou que, dos 470.000 euros aprobados ese mesmo día 24, 135.600 euros en recibos foron a beneficio do mesmo grupo empresarial. Preguntado sobre esta cuestión, o rexedor en funcións expuxo que “falamos de empresas que teñen gañados concursos públicos“.

Fuente Parga interpreta a denuncia da formación frontista como “unha cortina de fume” co obxectivo de “desviar a atención” sobre as negociacións co PSdeG-PSOE para formar goberno.

CULPA DE NOVO AO BIPARTITO DA DÉBEDA

Cuestionado sobre a situación económica de Barreiros, cunha débeda viva cifrada en 2,1 millóns (722 por habitante) no pasado mes de agosto, o rexedor en funcións admite que a situación “non é doada”, pero salienta que “non hai unha soa demanda por impago” e que “non quitamos nin un só servizo“.

Fuente Parga insiste en atribuír ao bipartito e á paralización do bum urbanístico a situación económica de Barreiros. “Conxelaron os ingresos e a actividade económica nunha época boa para o Concello”, afirma.

Así, conclúe que “hai que ser alcalde igual cando están as arcas cheas e tamén cando están medio baleiras”, e pregúntase se ao Bloque “lle asusta gobernar“.

NEGOCIACIÓNS: “NON INTERFERIREMOS”

Sobre as negociacións entre BNG e PSdeG-PSOE, enquistadas en torno á dedicación exclusiva socilitada pola candidata socialista, Carmen Veiga, Fuente Parga sinala que “non vou interferir mentres estean en contactos”.

“É ao Bloque a quen lle corresponde formar goberno como lista máis votada“, sinala, para matizar que se os nacionalistas non son capaces de obter o apoio do PSOE, “o PP tentará conseguilo“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...