Coñece as dez novas máis lidas do Xornal da Mariña no 2019

O diario dixital consolidouse xunto aos medios irmáns de Lemos e Lugo como referente informativo da provincia, cun número de visitas global de case 1,7 millóns

Ermida, co bastón de mando, saúda á veciñanza desde a entrada do Concello. AXM

O Xornal da Mariña repasa as dez novas máis lidas no 2019 que vén de rematar.

A detención dunha veciña de Galdo como presunta xihadista ou a situación de Alcoa, que ameaza con pechar a planta de aluminio do complexo de San Cibrao, foron dúas das novas máis atraíntes para os lectores do Xornal da Mariña no pasado 2019.

O caso dunha ourolesa que non pode probar a carne por mor dunha alerxia derivada da picadura dunha carrapata coouse no oitavo posto.

Protesta polo futuro de Alcoa en Viveiro. CIG

Unha peza de crónica política, a do cambio en Barreiros despois de 40 anos de gobernos da dereita, coa investidura da nacionalista Ana Ermida, foi outra das informacións máis visitadas.

O éxito dunha xove avogada burelá, Inma Lorenzo, recoñecida entre as dez mellores promesas da avogacía en España, tamén suscitou o interese dos internautas.

A cantautora de orixe ourolesa Sabela foi unha das sensacións do 2019 coa súa participación en Operación Triunfo. A entrevista na que fixo balance do seu concurso no programa, tras quedar cuarta, foi outra das informacións máis visitadas.

As posibles consecuencias na bisbarra do aumento do nivel do mar previsto para 2050 foi outra das pezas que captou o interese dos lectores. Covas, O Vicedo ou San Cibrao son algunhas das zonas costeiras en risco de inundación nese ano segundo a organización Climate Central.

En vermello, zonas en risco potencial de inundación en 2050 en Viveiro se as emisións de efecto invernadoiro medran como até agora. GOOGLE

A situación do galego na comarca, onde case o 76% dos seus residentes afirma expresarse principalmente no noso idioma, foi outra das pezas máis visitadas na nosa web no pasado 2019.

A VELUTINA, PROTAGONISTA

No segundo posto colócase a entrevista realizada a Sés, con motivo do concerto da cantautora coruñesa en Ribadeo.

A nova máis visitada foi o prognóstico dun verán con presenza masiva de velutina, despois de que se capturasen 2.400 raíñas en cinco concellos da Mariña Lucense como froito do traballo de trampeo na primavera.

Velutinas capturadas. AXM

2018

Podes acceder aquí ás novas máis lidas no noso primeiro ano, o 2018, con protagonismo para o conflito laboral de Sargadelos, Antonina Semedo ou Cabaliño de Pau.

MÁIS DE 700.000 LECTORES NO GLOBAL DOS XORNAIS

O Xornal da Mariña comezou a súa andaina o Día das Letras Galegas de 2018, xunto cos diarios dixitais irmáns Xornal de Lemos e Lugo Xornal. Os tres medios, no seu conxunto, consolidaronse no pasado exercicio como unha referencia informativa da provincia, alcanzando os 729.481 usuarios (lectores) ao longo de 2019, con 1.695.360 visitas a páxina. Co debido agradecemento pola vosa confianza, tentaremos darvos moitas novas razóns para lernos no 2020.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here