IniciosociedadeLista a renovación do parqué do pavillón municipal de Viveiro

Lista a renovación do parqué do pavillón municipal de Viveiro

Loureiro polemiza co PP polos accesos para persoas con mobilidade reducida acusa á delegación da Xunta de "ser unha oficina" dos conservadores

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro recepcionou este xoves as obras de renovación do pavimento do pavillón municipal, unha actuación que serviu tamén para pintar o interior das instalacións. Este fin de semana xa estará operativo para a práctica deportiva.

O importe do proxecto foi de 134.000 euros e a obra fíxose con cargo ao Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2019 da Deputación de Lugo. O novo pavimento é de madeira de faia maciza, cunhas condicións idóneas para a práctica deportiva.

O pavillón polideportivo municipal, construído a principios da década dos 80, acolle numerosas actividades deportivas, o que “implicaba un forte desgaste das instalacións polo uso”, sinala o goberno local. Na pista practícanse habitualmente fútbol sala, balonmán e baloncesto, ademais doutros deportes como a ximnasia rítmica.

“Estamos moi satisfeitos do resultado das obras, unha actuación derivada das demandas dos clubes deportivos, cos que mantemos un contacto permanente, e da necesidade de reposición dun pavimento deportivo que pola súa antigüidade se atopaba nunha situación precaria”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Trala finalización das actuacións, que en principio ían estar a punto para o inicio da tempada, os equipos deportivos de Viveiro poderán volver xogar na localidade, xa que moitos deles estaban a facelo en San Cibrao.

Visita do goberno municipal ao pavillón. AXM

CRÍTICAS AO PP

Loureiro aproveitou a recepción das obras para criticar a postura do PP, “que agora demanda unha intervención para mellorar o acceso ao pavillón das persoas de mobilidade reducida; saben que é un tema prioritario para o noso Concello, pero as instalacións son dos anos oitenta e temos que ir renovándoas pouco a pouco, dentro das nosas posibilidades”.

“A forma de facer política do PP reflíctese tamén no deporte, xa que cando a Xunta concede alguna subvención para Viveiro neste eido, o portavoz municipal do Partido Popular ou o señor Balseiro non falan co Concello, como si fai nos municipios nos que goberna o PP, se non que falan directamente cos clubes, o que provoca ás veces que se fagan varias obras nunha mesma instalación en vez de repartilas máis; así é moi complicado manter unha coordinación e unha programación axeitada de melloras nas infraestruturas”, afirma Loureiro.

“A delegación da Xunta en Lugo é unha oficina do PP, móvese por intereses meramente partidistas, e en ocasións aceptamos os cartos para determinadas actuacións para non perdelos porque os prazos son moi axustados, pero o Concello non ten un coñecemento previo porque falan cos clubs en vez de facelo con nós; que xulguen os veciños de Viveiro se esta forma de facer política é a máis axeitada”, apunta.

“Ademais, en moitos casos non cumpren as cantidades que lles ofrecen aos clubes; non estamos en contra de que falen con eles, que saben as necesidades das instalacións, pero é incomprensible que non falen ao mesmo tempo co Concello”, engade.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...