O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, compareceu este luns a petición propia no Parlamento de Galicia, a cinco días da convocatoria de manifestación en Santiago de Compostela pola situación da sanidade pública. O dirixente do Goberno galego quixo transmitir que o seu departamento, no 2020, “apostará” polos hospitais comarcais “con máis e mellores servizos, con máis profesionais, equipamentos e infraestruturas”, unha mensaxe que criticou a oposición na Cámara autonómica, que lembrou casos como o do frustrado peche do paridoiro de Verín, impedido pola mobilización social.
Almuíña expuxo que Galicia conta con sete hospitais comarcais -entre eles o da Mariña- que no seu conxunto atenden a case 340.000 persoas.
Segundo o conselleiro, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) está a facer un “importante esforzo” para incrementar efectivos durante todos estes anos nos hospitais comarcais, pese “as dificultades que temos en toda España para contratar profesionais pola súa escaseza”.
Neste senso, destacou que en mesa sectorial incorporouse unha puntuación no baremo de méritos para aqueles profesionais que exercen ou exerceron nos comarcais, e que o Sergas está a traballar en medidas aínda por negociar como a posibilidade de aumentar a puntuación no caso de especialidades médicas de especial dificultade de cobertura e outros incentivos na carreira profesional, entre outras.
OS CENTROS “ESTÁN BLINDADOS” POLA “LEI DE SAÚDE”
Para o conselleiro de Sanidade, o firme compromiso do Goberno galego polos hospitais comarcais quedou ratificado no seu día coa modificación da Lei de Saúde, que “representa unha blindaxe aos comarcais ao crear os distritos sanitarios, dentro das áreas sanitarias, xa que todos os hospitais son centro de distrito polo que se igualan en consideración legal aos hospitais centrais”. Esta medida consolida unha estrutura que garante a equidade e permite proporcionar servizos complexos nestes centros, evitando desprazamentos aos pacientes e achegando a atención aos seus lugares de residencia.
Entre outros datos, durante a súa comparecencia, Almuíña destacou que durante 2019, os sete hospitais comarcais de Galicia realizaron un total de 24.541 intervencións cirúrxicas, 509.172 probas diagnósticas e 564.492 consultas externas.
ANUNCIA MELLORAS PARA 2020
Durante a súa comparecencia, Almuíña enumerou “melloras” que se van acometer no 2020 nos sete hospitais comarcais.
Na provincia de Lugo, Almuiña destacou que os hospitais de Monforte e da Mariña contarán con cadanseu laboratorio multicéntrico, que substituirá os tres laboratorios actuais que hai en cada centro; e tamén a implantación nestes distritos do programa Hermes de citas preferentes.
Almuíña apelou ao remate da fase 1B do Plan director do Hospital da Mariña e a licitación do proxecto técnico de execución das fases seguintes do plan director, de acordo ao novo plan funcional. Así mesmo, salientou o inicio en xaneiro da obra de reforma de substitución de carpintería exterior e mellora de envolventes térmicas cun importe de adxudicación de 1,8 millóns de euros. Entre outras actuacións a realizar, Almuíña destacou a reforma de espazos nos servizos de urxencias e un programa de fisioterapia para pacientes crónicos.
Con respecto do Hospital de Monforte, Almuiña anunciou para este 2020 o inicio da integración funcional dos servizos hospitalarios que comezará co Servizo de Neuroloxía, a posta en marcha do Hospital de Día de Procesos Asistenciais; e o desenvolvemento do plan director que conta con 5 fases e está estimado en 15 millóns de euros. Nunha primeria fase, abordarase o novo hospital de día Oncohematolóxico e de Procesos asistenciais, e ampliación de farmacia.
CARENCIAS
No tocante ás eivas dos servizos sanitarios no Hospital mariñao, a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, que respalda a manifestación convocada na capital galega, cita a área sanitaria “roubada” pola propia Lei da Saúde; a falta dunha dotación de resonancia magnética nuclear (RMN) fixa, “así como de placas dentais, densitometría ósea, electromiogramas, electroencefalograma, consulta de cirurxía vascular“; a recuperación da implantación de marcapasos ou das intervencións de fimose infantil, así como a creación de prazas de logopedas, terapeutas ocupacionais, e a fin das derivacións a hospitais privados, facendo fincapé tamén na necesidade de retomar áreas privatizadas como o mantemento, as historias clínicas ou a provisión de materiais.
O PSdeG-PSOE: “TENTA FREAR A MOBILIZACIÓN SOCIAL”
Con todo, os grupos con representación no Parlamento galego, a excepción do maioritario do PPdeG, presentaron unha visión radicalmente oposta do estado da sanidade e dos hospitais comarcales en Galicia e coincidiron en responsabilizar ao actual Executivo autonómico do seu deterioro, escenificado no caso de Verín.
O deputado do PSdeG-PSOE Xulio Torrado criticou que Vázquez Almuíña acuda ao Parlamento “intentando responder para ver se conseguen parar algo da mobilización” espertada entre os cidadáns por unha mellor asistencia sanitaria, xa que o vindeiro domingo convocouse en Santiago de Compostela unha manifestación.
Para Torrado, a Xunta está intentado utilizar como “escusas” á súa mala xestión “problemas” que tamén afrontan outras administracións e que o Goberno galego é incapaz de abordar. Nese sentido, exemplificou o caso da falta de pediatras que redundou nunha “decisión política” de pechar o paritorio de Verín, comentou.
GRUPO COMÚN DA ESQUERDA: “FALTA EQUIDADE” ENTRE A ATENCIÓN SANITARIA NAS CIDADES E NO RURAL
A parlamentaria Eva Solla, do grupo Común da Esquerda, cuestionou que Vázquez Almuíña acuda a “facer anuncios” ao Parlamento galego cando ten acordos asinados pendentes de cumprir.
Ademais, criticou que podería tratar “asuntos graves e importantes” sobre o estado dos hospitais comarcais, pero que, pola contra, optou por facer promesas só para frear a manifestación convocada o próximo fin de semana, porque “vostedes teñen medo“, apuntou.
Solla reprochou que hai “carencias graves” no sistema sanitario “moi preocupantes” pola “falta de equidade” entre o acceso a este servizo público entre habitantes de diferentes zonas de Galicia.
BNG: “QUIXO FACER DOS HOSPITAIS COMARCAIS APÉNDICES”
Á súa vez, a deputada do BNG Montse Prado acusou ao Goberno galego de non querer “dimensionar os hospitais comarcais para que atendan á poboación de referencia”, senón supeditalos como “meros apéndices” á xestión dun gran hospital central.
“Todos os pasos que leva dando son para consolidar esa subordinación”, remarcou Prado, que cualificou o caso da reapertura do hospital de Verín como “unha mostra máis da dignidade colectiva dos veciños” ante as decisións erróneas do Goberno galego.
VILLARES FALA DE “MALTRATO SANITARIO”
Finalmente, o parlamentario Luís Villares, portavoz do grupo Mixto, apuntou que Vázquez Almuíña comparece porque a Xunta “fracasou no seu plan de desmantelamento” dos hospitais públicos comarcais e sufriu unha “derrota estrepitosa en Verín”, que agora trata de enmendar, pero que evidencia a súa “política de maltrato sanitario” contestada “de forma abafadora pola cidadanía”.
Para rematar, o deputado do PPdeG Aurelio Núñez Centeno saíu en defensa do labor da Xunta e do conselleiro, ademais de acusar á oposición de facer “demagoxia” con eses asuntos e de difundir “trolas” só con fins partidistas. EFE