“No desfile de Entroido de Foz participa preto dun 15% dos habitantes do municipio”

O alcalde focego, Fran Cajoto, remarca o impacto social e económico que ten a celebración no municipio

Comparsa no Entroido focego. CONCELLO DE FOZ

Despois da coroación da Raíña, Andrea García Mondelo; do Xoves de Comadres e da xornada das coplas, co pregón da peña ‘Éche o que Hai‘, Foz entra na recta final do seu Entroido co día máis agardado, o do multitudinario desfile (17.00 horas) coa posterior cea de Carnaval. O alcalde focego, Fran Cajoto, destaca “o compañeirismo entre os grupos” e “a retranca” como os ingredientes máis destacados e singulares dunha celebración que, calcula, pode involucrar a preto do 15% do censo municipal.

Chega o gran día, co desfile.

Chega por fin, pero xa levamos uns días desfrutando. A forma como se vive o Entroido en Foz non ten igual practicamente na Mariña. Xa se empeza a pensar no Carnaval do ano seguinte nada máis remata o anterior. Os actos iniciáronse coa elección da Raíña en novembro do 2019, e coa cea de coroación, con máis de 1.000 comensais. Notámolo xa hai tempo na rúa, ese ambiente festivo de disfraces e de coplas para preparar o desfile deste sábado.

Que fai diferente ao Entroido de Foz?

Eu distinguiría dúas cousas. Por un lado, ese compañeirismo, eses lazos de unión que se forman entre os membros das comparsas e peñas, que se converten en grupos de amizade, xente que continúa con esa relación todo o ano. Por outra banda, a retranca que nos define como galegos; en Foz somos moi dados a rirnos de nós mesmos, e esas coplas e ese Toporroutou do domingo creo que son singulares e característico, que quizais enlaza coas chirigotas do sur da Península. Hai ganas de transgredir, de saltarse a normalidade, é Entroido e ten que haber esa liberdade que fai estas festas o que son.

Estes días suponse que “vale todo”.

É unha válvula de escape e para moitos é a mellor festa de Foz por iso. A xente vívea dunha maneira libre. Olvídaste da rutina, adoptas outros roles distintos, permíteche facer bromas que quizais noutro contexto non serían ben entendidas. Tamén estreitar lazos cos demais, está esa forma de pasar as festas en grupos, en comparsas. Moita xente doutros pobos acábase sumando, meténdose nas peñas.

Falando da transgresión, é o seu primeiro Entroido como alcalde e os seus predecesores xa foron branco das bromas. Está preparado para que lle toque?

Unhas cantas van caer. A crítica á política local é o principal tema das coplas, do Touporroutou. Os representantes públicos temos que levar con dignidade a crítica, é propio da festa e é a maneira que ten o pobo de expresarse. Haberá mofas, críticas, “troulearase” coa xestión municipal e está ben que así sexa, porque ademais son os temas propios do municipio os que máis interese teñen para a veciñanza.

O desfile é multitudinario. Canta xente pode participar?

Estimadas, no desfile, hai máis de 2.000 persoas. De Foz, probablemente haberá un 70%. Se pensamos que o municipio ten 10.000 habitantes, o porcentaxe deles que participa no Entroido é impactante.

E imaxino que o impacto económico tamén é relevante, tanto na hostelería como noutros sectores. Hai algunha aproximación do beneficio, en relación co orzamento que se manexa?

O impacto é enorme. Hai costureiras traballando desde hai tempo nos disfraces das comparsas a tempo completo, perruquerías, ceas e comidas, moitísima xente traballando. E non só os profesionais, claro: o principal motor son as propias carrozas, persoas que se esforzan por facelo o mellor posible desinteresadamente, gastando o seu propio tempo e o seu propio diñeiro; hai unha parte artesanal, un traballo en grupo, que é a que dá alma, eses lazos de unión a este Entroido.

Pode dicirse seguramente que esta é a festa máis rentable do Concello. Todas elas requiren achegas económicas, e nesta desde logo hai custos elevados: xestionar unha cea, montar unha carpa… No propio desfile xa se destinan máis de 7.000 euros en premios. Pero en todos os actos a afluencia está garantida. Os locais apoian, este ano contamos cun importe especial por quedar segundos no concurso que organiza o Gadis, e podemos dicir que aínda que se manexan cifras importantes faise cunha certa tranquilidade, porque a implicación social é absoluta e o diñeiro investido resárcese con creces.

Que mensaxe lles transmitiría a veciños e visitantes?

Pois que veñan con moitas ganas de pasalo ben. Xa pasaron algúns dos actos máis importantes, pero queda o desfile, o Touporroutou, o baile do farolillo, o enterro da sardiña… (Podes consultar o programa completo nesta ligazón). E que sexamos todos responsables, que teñamos ganas de pasalo ben e ser respectuosos. Seguro que vai ser así e non haberá incidencia ningunha que lamentar.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here