IniciosociedadeTeatro, as Towanda Rebels, documentais e ofrendas florais reivindicarán a igualdade na...

Teatro, as Towanda Rebels, documentais e ofrendas florais reivindicarán a igualdade na Mariña

Viveiro, Lourenzá, Foz ou Alfoz acollerán actos ao longo das dúas vindeiras semanas polo Día Internacional da Muller

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro desenvolverá nas próximas semanas un programa de actividades para impulsar a igualdade real con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

A primeira delas será este sábado, 7 de marzo, coa obra de teatro ‘O Empapelado Amarelo’ (20.30 horas), dirixida por Tito Asorey e protagonizada por Melania Cruz. Para esta xornada tamén está prevista a tradicional cea-baile para mulleres, organizada polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) e a Delegación Municipal de Muller do Concello de Viveiro. O domingo 8 de marzo procederase á lectura pública dun manifesto institucional ás 12.00 horas na Praza Maior.

Estas dúas citas da fin de semana serán o punto de partida doutras actividades como exposicións de debuxo escolar e fotografía (abertas desde o 8 ao 18 de marzo na biblioteca) e obradoiros de igualdade, tanto para as crianzas da escola infantil como nos institutos María Sarmiento e Vilar Ponte, iniciativas todas elas encamiñadas a concienciar sobre este tema. Para os adolescentes falarán, o 18 de marzo no Teatro Pastor Díaz, as activistas do feminismo Towanda Rebels.

EDUCACIÓN

Na rolda de prensa de presentación das actividades, a concelleira de Muller do Concello de Viveiro, Lara Fernández, apuntou que “as efemérides son moi importantes para lembrar que é necesario seguir avanzando pola igualdade, pero este traballo temos que desenvolvelo os 365 días do ano, como así facemos desde o concello e o CIM”.

“Falamos de plantar sementes de igualdade porque entendemos a importancia de educar en valores e igualdade, por iso organizamos durante todo o ano diferentes eventos formativos nos centros educativos, para que os nenos e nenas medren nunha igualdade real”, explicou. Fernández tamén destacou que o Concello fletou un autobús para que as mulleres da Mariña Lucense poidesen participar, o pasado domingo, na manifestación unitaria do feminismo galego en Verín.

LOURENZÁ HOMENAXEARÁ A NELI CAJOTO

En Lourenzá, a Concellería de Servizos Sociais organiza actividades para conmemorar o Día da Muller o martes, o mércores e o venres desta semana.

Mañá, martes, e o mércores de 17.00 a 20.00 horas terá lugar na sala do Torreón dos Frades o obradoiro Construíndo o 8M, actividade na que os participantes deberán levar unha camiseta branca para pintala.

O venres, día 6, desenvolverase unha Andaina pola Igualdade ás 17.00 horas na Praza do Conde Santo. E ás 18.00 horas no salón de actos do Concello haberá un acto de homenaxe baixo o título ‘Lourenzá son de muller‘, dedicado á laurentina Neli Cajoto Cuadrado.

Ademais, durante esta semana a fachada da Casa do Concello tinguirase de cor lila “en representación de todas as mulleres”.

FOZ PROXECTARÁ ‘MANS SALGADAS’

Pola súa banda, a Concellería do Mar de Foz anunciou a proxección do documental ‘Mans salgadas‘, curtametraxe realizada polo alumnado de terceiro da ESO e primeiro de Bacharelato do IES. A peza audiovisual foi premiada co galardón ao mellor guion no certame do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF).

“En ‘Mans salgadas’, mulleres e homes falan da súa relación constante co mar a través dos recordos dos seus oficios. No proxecto quíxose poñer énfase nos traballos vinculados ao mar na vila mariñeira de Foz, especialmente aqueles con protagonismo feminino, comunmente infravalorados e que, co paso do tempo, ficaron nun segundo plano, desapareceron ou deron nunha mudanza necesaria: a actividade nas conserveiras, a recollida da olga, o arranxo das redes…”, remarcan desde o goberno local.

O alumnado que rodou a curta participará na proxección, prevista para o vindeiro 7 de marzo, ás 12.00 horas, no Cenima.

ALFOZ

VIA Alfoz organiza a sexta edición da tradicional ofrenda floral na conmemoración do Día Internacional da Muller. O evento levarase a cabo o vindeiro domingo 8 de marzo, ás 12.30 horas nas inmediacións do Castelo de Castro de Ouro.

Efigenia Maseda, presidenta do partido independente, será este ano a encargada de ler un manifesto “enxalzando o enorme traballo das nosas mulleres, recordando que o evento realízase coa intención de facer unha homenaxe a todas aquelas que nos deixaron e que traballaron por este concello, e ás que están a loitar polo futuro do seu pobo onde queren poder seguir traballando”.

Posteriormente, depositaranse doce caraveis brancos no cruceiro do Castelo de Castro de Ouro, “a cor branca simboliza a paz e os doce os meses do ano, pois debemos honrar ás nosas mulleres tódolos días”, apunta Maseda.

CERVO E TRABADA TAMÉN REALIZARÁN ACTOS

Trabada, onde se presentará a novela ‘Senlleiras’, da escritora burelá Antía Yáñez, e Cervo, onde haberá unha obra de teatro infantil sobre Rosalía de Castro, tamén presentaron os seus programas con motivo do 8-m.

A MANIFESTACIÓN DO FEMINISMO MARIÑAO, EN FOZ

A manifestación do feminismo da Mariña Lucense será o vindeiro domingo, en Foz, a partir das 12.00 horas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...