IniciosociedadeUnha mariñá no Reino Unido: "o Goberno pásanos a responsabilidade, só se...

Unha mariñá no Reino Unido: “o Goberno pásanos a responsabilidade, só se fan tests a persoas moi graves”

A cervense Olga Castro conta a contradición entre un Executivo británico que elude tomar medidas contra o coronavirus e institucións e empresas que toman precaucións pola súa conta

Publicada o

- Advertisement -

No momento que se publica esta peza, o primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, vén de facer unha leve rectificación á súa estratexia fronte ao coronavirus: recomendar ás persoas maiores de 70 anos, tamén a aquelas con problemas de saúde ou ás embarazadas, un confinamento de doce semanas, sen poder sequera “saír a mercar produtos básicos”.

Supón un pequeno cambio na chamada táctica de “contención gradual” -ou máis ben un ‘laissez faire‘, nunha prolongación do modelo neoliberal– que mantivo ao longo dos últimos días con respecto á epidemia, optando por non tomar medidas contundentes contra o espallamento do Covid-19, que segundo os datos oficiais matou na Gran Bretaña 53 persoas. Johnson declarouse impotente para frear a pandemia e apostou por protexer o sistema económico e desbotar a protección inmediata dos cidadáns, coa teoría de que unha parte importante da poboación debe contaminarse para desenvolver inmunidade.

ESCOLAS E GARDERÍAS, ABERTAS

Natural de Cervo, Olga Castro vive “alucinada” a situación no Reino Unido. Cun ollo na Mariña Lucense, onde ela e maila súa parella teñen as súas familias, esta profesora de tradución na Warwick University vive en Sutton Coldfield, condado de West Midlands. Unha cidade duns 100.000 habitantes na que se vive unha contradición entre a aparente normalidade da rúa e as medidas que, por libre é á marxe do Goberno, institucións ou empresas foron tomando para conter o virus ante unha estratexia gubernamental que opta por trasladar a responsabilidade á cidadanía.

Castro relata que, por mor da estratexia do Goberno británico, “as escolas seguen abertas e as garderías tamén”. Sinala que esta situación pon nun dilema ás familias, especialmente a aquelas que poden ter dificultades económicas, polo caros que son estes servizos. “Estanos a poñer a responsabilidade”, explica, “porque unha xornada da nosa filla custa sobre 55 libras e, aínda que temos claro que a saúde está por riba do diñeiro, ao ser tan cara non podes evitar facer contas dos cartos que perdes”, remarca.

NA RÚA, “VIDA NORMAL” E “AGLOMERACIÓNS” NOS PARQUES

A docente mariñá expón que en Sutton Coldfield, “se o pensas desde un punto de vista frío, faise vida normal de todo. Nós quedamos na casa, pero temos un parque natural de seis hectáreas ao pé da casa e un día quixemos dar un paseo, porque pensamos que unha volta polo monte non daría problemas. Tivemos que volver pola aglomeración de xente que había. Mentres falamos (por esta mañá) hai o mesmo balbordo na rúa que calquera outro luns”, conta.

NO SEU TRABALLO ÍNSTANA A MANTERSE NO DOMICILIO

Mentres as terrazas e os bares seguen cheos, a Aston University deu orde aos profesores de manterse nos domicilios. “O curso académico acabou o venres e este luns recibimos un e-mail pola mañá dicindo que se suspenden todas actividades en persoa. Están traballando para que os exames, que son a finais de abril, comezos de maio, sexan en liña. Seguimos traballando desde a casa, en investigación e outras tarefas. Hoxe tiña un curso de formación e cancelouse”, salienta.

“As universidades van por libre. Tamén se cancelaron os eventos deportivos, pois non hai fútbol ou rugby. Desoen o Goberno e uníronse para tomar decisións concertadas. Desde hoxe un gran número delas suspende as clases presenciais. Dinnos que só vaiamos á oficina se é imprescindible, e que extrememos precaucións. Síntome moi afortunada de traballar nun sitio así, porque a inmensa maioría da xente ten que ir currar coma se nada“, lamenta.

As universidades, explica, “están ‘repatriando’ o estudantado de Erasmus ou de prácticas no estranxeiro, posto que na Universidade de Warwick temos moitísimas en Latinoamérica. Os Departamentos cobren os gastos”, precisa.

CUN OLLO NA MARIÑA

Coa lóxica preocupación polos seres queridos en Galicia -“temos familiares maiores que viven sós e tamén traballadoras que polo seu emprego están expostas, cun risco elevado”-, Castro critica que no Reino Unido “só se fan test a aquelas persoas que están moi graves, nin sequera aos profesionais sanitarios; é posible que unha médica contaxie a un paciente sen sabelo”, remarca.

“USAN A PALABRA LIBERDADE DUN XEITO PERVERSO”

“É moi cruel. Pedir ás persoas maiores de 70 anos que se non se queren contaxiar, que se encerren catro semanas na súa casa… Parece que o resto dos colectivos sociais teñen ‘cero responsabilidade‘ e total ‘liberdade‘, unha palabra que gusta moito no neoliberalismo, pero da que se fai un uso macabro. Semella que se trata de librarse das persoas máis vulnerables, que ao final son as que se xogan a vida”, opina.

Malia que 229 científicos asinaron un comunicado no que critican a estratexia de Johnson e instan ao Goberno a evitar os contactos, Reino Unido segue vivindo nunha normalidade aparente. “Os seus votantes din que é un valente, que por fin alguén pon cordura e se desmarca de Europa. No grupo de whatsapp do traballo ou no de amigos as compañeiras non falamos doutra cousa que o coronavirus, pero a outra moita xente véxoa tranquila. Un veciño dime que está ben poder estar ao aire libre, non como en España“, sinala, para concluír que “da xente nova depende a máis maior“. O paso das semanas dirá se a estratexia do Executivo británico de exaltar o individualismo ata o extremo foi atinada ou un despropósito.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...