O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo segue a manter unha certa estabilidade. Segundo os datos ofrecidos este venres polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) hai 571 positivos documentados, por 563 contabilizados o pasado xoves.
No Hospital da Mariña documentouse a segunda morte a causa da pandemia, a dun varón de 90 anos con patoloxías previas. É a décimo oitava vítima mortal na provincia de Lugo.
O número de ingresados con positivo no centro hospitalario de Burela ascende así a once persoas, catro delas na Unidade de Coidados Intensivos (Uci), unha cifra que se mantén invariable desde o pasado 4 de abril, e sete en planta, un menos có pasado día 9 a causa do pasamento mencionado con anterioridade.
Os outros nove pacientes na Uci con coronavirus están ingresados no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Hai 49 positivos en unidades de hospitalización; sete na Mariña, cinco en Monforte, dez no Virxe dos Ollos Grandes e o resto no HULA.
No tocante aos casos documentados en domicilio, compútanse no reconto oficial do Sergas 509 persoas, once máis ca onte.
318 MORTES EN GALICIA
A nivel galego, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.631; deles 1.151 son da área da Coruña, 571 da de Lugo, 1.082 da de Ourense, 469 da de Pontevedra, 1.074 da área de Vigo, 963 da de Santiago, e 321 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 149 permanecen en UCI, 766 están en unidades de hospitalización e 4.716 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 997 altas de pacientes e 318 falecementos. O número de PCR realizadas é de 39.432.
ESTABILIDADE NAS RESIDENCIAS MARIÑÁS
Segundo os datos ofrecidos pola Xunta de Galicia, o número de positivos en residencias mantense estable. No tocante aos maiores afectados, hai cinco no xeriátrico de Foz, tres en Betania (Viveiro) e dous en Mirador del Eo (Ribadeo).
Respecto dos traballadores, dúas obreiras do centro de maiores de Burela resultaron infectadas, sete en Foz e un na residencia San Rafael de Mondoñedo.
Nos xeriátricos de Foz e Betania completáronse recentemente probas a todos os usuarios e empregadas, sen máis positivos dos mencionados.