Os tripulantes do ‘Carla‘, o barco de bandeira francesa que permanece en corentena no porto de Burela, continuarán confinados no buque ata o próximo día 27, xornada na que poderán volver faenar previa desinfección da nave.
Segundo informaron fontes municipais, os 16 traballadores, entre os que hai veciños de Asturias, de Galicia e de Portugal, permanecen confinados no barco ante a dificultade de trasladar a cada un aos seus respectivos domicilios e despois de que “eles mesmos optasen por esta posibilidade“. Nun principio barallábanse distintas opcións para que os mariñeiros poidesen durmir fóra do buque, como establecementos hoteleiros ou a Casa do Mar.
O ‘Carla’, con armador asturiano, atópase amarrado en Burela desde o pasado día 13 e despois de que un dos seus tripulantes dese positivo nunha proba inicial de coronavirus. Tras iso, nun segundo test, todos arroxaron un resultado negativo.
Pese a que o capitán solicitou poder realizar a corentena mentres faenaban nunha zona a 80 millas de Galicia, entre Francia e España, Sanidade Exterior, organismo que depende do Ministerio de Sanidade, ditaminou que a tripulación debía pasar este período confinada en porto por prevención.
Por iso, estas fontes sinalan que se o capitán quixese saír a faenar, tería que facelo cunha tripulación distinta á que debe completar a cuarentena, que poderá volver traballar a partir do luns da semana que vén.