IniciosociedadeMáis de 150 PCR realizadas na residencia de Xove tralo positivo dunha...

Máis de 150 PCR realizadas na residencia de Xove tralo positivo dunha traballadora

Alomenos dous familiares máis da obreira resultaron positivos, ademais de parentes que realizaron unha visita desde Cataluña

Publicada o

- Advertisement -

Un total de 126 maiores da residencia de Xove, ademais doutros 14 usuarios dos pisos tutelados San Bartolomeu, e medio centenar de traballadores destes servizos, sometéronse este venres ás PCR para confirmar se padecen o coronavirus, despois de que unha obreira do xeriátrico dese positivo por Covid-19 nos últimos días.

Catro traballadoras xa foran sometidas ás probas ao ter un maior contacto coa persoa contaxiada, sen que por agora trascendese o resultado. Estas obreiras permanecen en confinamento, igual que a infectada, residente en Viveiro. Na familia desta empregada detectáronse alomenos outros dous positivos, ademais doutros tres de parentes que visitaron a este núcleo familiar a mediados do mes de xullo desde Hospitalet de Llobregat.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asegurou que se actuou “rápido” para illar á unidade familiar “e evitar unha transmisión comunitaria”.

Estes tres positivos residentes en Viveiro incluíronse -non así os casos dos residentes en Cataluña– no reconto do brote da Mariña ofrecido este venres polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), que contabiliza 56 positivos, con oito novos casos, dentro do brote da Mariña. Con todo, a Consellería de Sanidade non confirma se hai algún tipo de relación entre estes tres novos contaxiados e os infectados a partir do foco localizado á altura do San Xoán. As autoridades locais de Viveiro e Xove afirmaron que se trata dun foco distinto, orixinado a partir dun caso importado, pois foron os familiares cataláns os que detectaron os síntomas e resultaron positivos, buscándose a partir deles os contactos en Galicia.

Os oito novos positivos na Mariña detectáronse en Viveiro (3), Foz (3) e Burela (dous).

USUARIOS E OBREIROS, “ASINTOMÁTICOS”

Desde a Fundación San Rosendo, que xestiona o centro de maiores, sinalan que tanto traballadores como usuarios están “asintomáticos”. Así, están “á espera de resultados” para “tomar decisións” no tocante á organización. O último cribado de PCR realizadas no xeriátrico xovense data do 25 de xuño e xustamente esta semana ían comezar as primeiras visitas, que quedan descartadas.

“Desde onte volvimos á fase 0, de confinamento total; as obreiras comezaron a traballar con FPP 2 e se hai algún positivo entre os usuarios illaráselle; estamos preparados para desdobrar a residencia e que determinado persoal traballe con casos de coronavirus, cos equipos de protección individual (EPI) e as medidas de prevención necesarias, e outro cos usuarios negativos”, concretan desde a Fundación San Rosendo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...