InicioMovementos SociaisA Mariña mostra nas prazas e nas redes a súa repulsa contra...

A Mariña mostra nas prazas e nas redes a súa repulsa contra a violencia machista

Actos por toda a xeografía mariñá e pezas audiovisuais en Internet, nunha xornada marcada pola pandemia, serviron para denunciar o machismo e lembrar ás súas vítimas

Publicada o

- Advertisement -

A Mariña encheuse de actos reivindicativos este mércores con motivo do 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as mulleres.

A Praza Maior de Viveiro acolleu unha concentración silenciosa na que se leu o manifesto da campaña ‘En Negro contra as Violencias‘, que está a tinguir de loito os municipios galegos en repulsa contra o machismo.

RECORDO EN CERVO A MARÍA JOSÉ E ADELA, ASASINADAS NO 2014

María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, fixo un chamamento “a concienciar e visibilizar esta lacra social da violencia de xénero, temos que estar preto das vítimas e axudalas, aumentando os recursos para rematar o antes posible esta loita”. O consistorio acollerá o venres unha nova reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.

En Cervo gardouse un minuto de silencio tanto no consistorio, na capital municipal, como na casa da cultura, en San Cibrao, polas vítimas da violencia de xénero, “coma sempre co noso recordo especial para María José (Suárez) e Adela (Ramos)“, veciñas do municipio asasinadas no 2014.

Cervo. AXM

En Burela, a Praza do Concello acolleu un dos actos enmarcados dentro do programa con motivo do 25-N. Alí desenvolveuse unha concentración e deuse lectura a un manifesto.

A concelleira de Muller e Igualdade, Noelia Ben, destacou que “só coa implicación do conxunto de toda a sociedade poderemos continuar o noso traballo, para que Burela sexa un lugar más amable para vivir, todos e todas, en igualdade”.

Burela. AXM

Durante toda a semana a fachada do Concello está iluminada de morado e tamén se colgou da fachada unha pancarta conmemorativa.

Barreiros, O Valadouro, A Pontenova ou Lourenzá -onde os tradicionais Cocos vestiron de negro- foron outros dos lugares que acolleron actos reivindicativos.

En Trabada, o Observatorio da Mariña pola Igualdade presentou o vídeo testemuñal ‘Elas Tamén Contan: voces de mulleres no rural‘, un traballo elaborado dentro da campaña de sensibilización sobre as violencias machistas no ámbito rural.

Presentación do Observatorio en Trabada. OBSERVATORIO

CAMPAÑA NAS REDES SOCIAIS

Os actos presenciais, coas medidas de precaución para evitar contaxios, espalláronse por toda a comarca, aínda que a campaña contra a violencia de xénero tivo e segue a ter especial protagonismo a través das redes sociais. Na web ennegrocontraasviolencias.gal pódese descargar todo o material. Os hashtag serán #EnNegroContraAsViolencias, #EnNegro2020, #GaliciaEnNegro, #QuerémonosVivas e #NonEstásSoa.

Usuarios e usuarias das catro residencias de maiores da Deputación tamén se sumaron aos actos polo 25N. Concretamente, gravaron vídeos recitando estrofas da obra ‘Poema á Muller Galega‘, de Manuel María. Con todo ese material, o Servizo de Audiovisuais da institución provincial elaborará unha peza para que os residentes dos centros de maiores de Trabada, A Fonsagrada, Pol e Ribadeo a teñan para o seu recordo.

Desde Mondoñedo lembraron así mesmo que unha das 41 mulleres que foron asasinadas en crimes machistas ao longo do presente ano “é unha veciña”, do concello limítrofe da Pastoriza, lembrando que a lacra do machismo está presente non só nos telexornais senón que tamén se padece ao pé da casa.

O Colectivo Meigas Bravas Son, que celebrou unha protesta esta tarde en Barreiros, tamén deixou na rede unha peza audiovisual, cunha letra adaptada da cantautora mexicana Vivir Quintana.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...