O Concello de Mondoñedo anunciou este venres a través dun comunicado de prensa que representantes da Fundación Educativa e Social Dignidade presentaron ao alcalde e á tenente de alcalde de Mondoñedo, os populares Manuel Otero e Elena Candia, respectivamente, unha oferta para adquirir o edificio coñecido como o antigo hospital de Cabanela.
Trátase da única oferta presentada ao procedemento de subasta pública iniciado polo goberno municipal un ano despois de adquirir o edificio por 450.000 euros, coa finalidade de crear nel un centro de menores. O executivo municipal contou para adquirir o inmoble cun convenio aprobado co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), polo que deberá devolver o diñeiro a préstamo en oito anualidades de algo máis de 56.000 euros. A adquisición foi criticada pola oposición e o Concello licitou posteriormente o ben polo mesmo importe anticipado, nunha decisión criticada tanto polo PSdeG como polo BNG.
O INMOBLE FOI ADQUIRIDO POR 450.000 EUROS CUN ANTICIPO DO IGVS
Segundo expuxo o Concello na nota, “os servizos xurídicos informan que esta entidade cumpre os requisitos para tramitar a adxudicación definitiva”. Fundación Educativa e Social Dignidade explicou na reunión “o proxecto a situar no edificio que prevé crear un aloxamento turístico promovido pola mesma e xestionado pola Empresa de Inserción Laboral Grupo Dill e tamén catro vivendas de inclusión“. Deste xeito, o executivo local considera que a oferta “permite cumprir”, din, “un obxectivo social tan importante para a nosa sociedade”.
A Fundación Educativa e Social Dignidade é ademais a entidade que xestiona o centro de menores instalado nas dúas primeiras plantas do edificio, dotado con 17 prazas. e que segundo o goberno local creou unha ducia de postos de traballo. É “un tipo de empresa cuxa finalidade social se orienta á integración e formación social e laboral das persoas en situación de exclusión social como tránsito de emprego ordinario”, remarca o executivo municipal.
O inmoble é un edificio que tivo uso hospitalario na segunda metade do século pasado ata o ano 2003 que cesou a actividade.
“O antigo hospital de Cabanela é un edificio emblemático cuxa rehabilitación e restauración supón un avance na mellora do parque inmobiliario de Mondoñedo e mellora a súa imaxe urbanística, pero tamén permite dotar a esta localidade de novos servizos”, argumenta o executivo municipal, que concreta que devolverá o diñeiro emprestado polo IGVS “integramente unha vez rematado o proceso de venda”.
“Grazas ás novas negociacións do goberno local, adquire unha nova función, converténdose nunhas dependencias útiles á sociedade mindoniense, e poñendo en marcha un proxecto social que axuda a fixar poboación e que crea emprego”, conclúe o Concello.