Centos de persoas concentráronse este domingo en Burela convocados por arredor dunha trintena de hostaleiros da vila para reclamar a fin das restricións que sofre o concello desde o pasado 6 de novembro, entre elas o peche da hostalería e o confinamento perimetral.
Nunha protesta apoiada pola veciñanza e diversos colectivos sociais, como a agrupación O Vencello, o Centro Comercial Aberto (CCA) Burela ou entidades como o CD Burela FS, entre outras agrupacións, os participantes expuxeron que consideran excesivas as medidas para conter a Covid-19 adoptadas pola Xunta de Galicia, que están a levar “á ruína” aos negocios.
O hostaleiro Rubén Pinín, en nome do sector, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (Apehl), Cheché Real, e o alcalde, Alfredo Llano, interviñeron no acto reivindicativo, que, baixo o lema ‘Burela non ten a culpa‘, contou co apoio das forzas políticas da corporación.
Pinín considerou que “non teñen ningún tipo de lóxica” as restricións que padece o municipio, que xa foi pechado no mes de xullo por un brote de Covid-19. “Daquela houbo unha situación sanitaria complicada e ninguén protestou porque entendíamos cal era a situación, cun motivo claro, pero agora sentímonos claramente prexudicados e sinalados“, argumenta, “porque non entendemos nin as medidas nin como se computan os casos de coronavirus, xa que boa parte deles viñan dun pesqueiro (o Adviento Uno) que estaba confinado en porto”.
OS HOSTALEIROS RECLAMAN “NON AXUDAS, INDEMNIZACIÓNS: PAGAMOS IMPOSTOS PERO NON PODEMOS TRABALLAR”
O hostaleiro lamenta que “hai xente que o está a pasar moi mal, ao límite, e nas nosas reunións do grupo de hostaleiros hai quen comenta que se isto perdura, cando se poida abrir xa non o fará”. Ademais, remarcan que as dificultades da hostalería arrastran non só aos establecementos, senón a diferentes tipos de provedores, “unha cadea” que se corta ao paralizar a actividade.
Deste xeito, e a fin de evitar o peche dos negocios, reclama axudas para un sector “que paga todos os impostos e cargas económicas pero non pode traballar, non podemos ter ingresos; pensamos, como di a Apehl, que non se trata xa de subvencións, senón de indemnizacións“, remarca. A vindeira semana, en principio, reuniranse co goberno local para solicitar algún tipo de achega.
Dada a situación epidemiolóxica favorable, cun descenso dos positivos novos detectados nos últimos 14 días, e despois das altas dos mariñeiros do Adviento Uno, os hostaleiros teñen “esperanzas” de que se levanten as restricións o vindeiro mércores -o martes reúnese de novo o comité clínico da Xunta de Galicia– se continúa a tendencia.