O pleno ordinario do Concello de Viveiro aprobou por unanimidade unha moción presentada por todos os grupos da corporación para esixir a posta en marcha de manera inmediata da sala de agarda do Xulgado de Violencia contra a Muller para as vítimas de agresións machistas que queren denunciar os seus agresores. Trátase dunha carencia que denunciaron en abril de 2019 dous funcionarios de Xustiza, e que malia as promesas da Xunta de Galicia non foi solventada a día de hoxe, como lembrou con motivo do pasado 25 de novembro este medio.
PARTIU DO ROGO DOS FUNCIONARIOS DE XUSTIZA NA MESA LOCAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Presentar a moción de forma conxunta foi acordado na Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero que tivo lugar o pasado venres, formada por representantes das forzas e corpos de seguridade (Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil), dos centros educativos, do centro de saúde, da oficina de emprego, do Xulgado, dos grupos políticos municipais, por diversos departamentos municipais (servizos sociais, oficina de inmigración e CIM), da Subdelegación do Goberno e do Concello.
ANUNCIADA PARA FINAIS DE 2019 E PARA INICIOS DE 2020
No punto da orde do día, os representantes dos Xulgados, Marco López e David Díaz, lembraron coa presentación dun rogo que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou en maio no 2019 no Parlamento galego que “nos vindeiros meses estará acondicionada unha sala de agarda para as vítimas”. A finais de novembro dese mesmo ano, o Goberno autonómico aseguraba estar traballando na dotación, sen que nos 18 meses transcorridos “se acondicionase espazo ningún para as vítimas na sede xudicial viveirense”.
O SERVIZO BENEFICIARÍA A MULLERES DE SETE CONCELLOS MARIÑAOS
Así mesmo, pedían “formalmente” que se solicite a Rueda que aclare as expresións “nos vindeiros meses” e “estase traballando na sala de agarda do xulgado de Viveiro” a fin de que concrete cando comezarán as obras da sala de espera para que as vítimas dos concellos que atende o Xulgado de Violencia sobre a Muller –O Vicedo, Ourol, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz, para 45.000 habitantes- poidan agardar “nun local cun mínimo de dignidade“.
Para esta dotación, o Concello de Viveiro cedeu unha serie de locais de titularidade municipal, cuxa cesión foi concretada en verán do 2019.