IniciosociedadeViveiro manterá pechada a escola municipal ata o 17-F; Foz exime á...

Viveiro manterá pechada a escola municipal ata o 17-F; Foz exime á hostalería de taxas de terrazas e lixo

Os Concellos informan das medidas adoptadas tralas novas restricións decretadas pola Xunta

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro e mailo de Foz informaron das medidas adoptadas trala publicación do Decreto e a Orde da Xunta de Galicia nos que se establecen as novas medidas para facer fronte á crise sanitaria, aplicando para toda a comunidade o nivel de restrición máximo.

No caso de Viveiro, mantéñense as mesmas medidas que xa viñan sendo de aplicación, introducindo como novidade o peche dos establecementos e locais comerciais ás 18.00 horas e exceptuando desta obriga os comercios de alimentación, bebidas, tabaco, gasolineras, artigos médicos e ortopédicos, farmacias e de alimentos para animais de compañía, que poderán pechar ás 21.30 horas (salvo que teñan fixado, de acordo coa normativa vixente, un horario inferior ou superior).

As actividades de servizos profesionais, como perruquerías, centros de estética, talleres ou xestorías non se verán afectados por esta medida de redución de horario, podendo pechar no seu horario habitual.

O GOBERNO LOCAL VIVEIRENSE PIDE “PRUDENCIA” ANTE O AÍNDA ELEVADO NÚMERO DE CASOS, 214

Ademais, a Xunta de Galicia autoriza o uso de instalacións deportivas para a práctica do deporte federado de ámbito nacional que teñan a competición vixente.

Así mesmo, mantense a suspensión das clases presencias do Conservatorio Profesional de Música ata o 17 de febreiro de 2021, que o concello decretara inicialmente, por prevención. O concello tamén decidiu manter ata o 17 de febreiro de 2021 o peche da Escola Infantil Municipal.

Finalmente, lémbrase que se continúa mantendo o peche perimetral, non se permiten reunións de persoas non conviventes e o toque de queda mantense ás 22.00 horas.

Dende o goberno municipal pídese os veciños e veciñas de Viveiro “a máxima prudencia” e o “estrito cumprimento das medidas establecidas” para “superar o antes posible esta complicada situación (Viveiro confirmou 214 positivos nos últimos 14 días). Dentro das nosas competencias e responsabilidades velaremos por facer cumprir estas medidas polo ben de toda a veciñanza”, conclúe o executivo local.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anuncia, entre outras medidas, a supresión de taxas para establecementos hostaleiros, como as das terrazas ou da recollida de lixo, e o peche de instalacións municipais.

O rexedor municipal explica que “Foz continúa con dez casos positivos en Covid-19 diagnosticados nos últimos 14 días, 2 menos que na xornada anterior. De todas formas no Concello de Foz somos consecuentes coas normas e disposicións adoptadas polas outras Administracións, neste caso pola Xunta de Galicia, que é quen ten as competencias”, indicou.

SUSPENSIÓN DAS XORNADAS GASTRONÓMICAS ‘IMPULSA FOZ’

Así, o alcalde anuncia a suspensión das xornadas gastronómicas imPULSA Foz, que comezaron a semana pasada. “Organizamos estas xornadas como un impulso á hostalería local, poñendo o acento no consumo responsable nos nosos establecementos e axudando a bares, restaurantes e comercios con 2.000 euros en vales canxeables en establecementos de Foz. Este mércores día 27 fíxose o primeiro sorteo, de 500 euros en 10 vales de 50 euros. Sen embargo dadas as novas restricións e o peche obrigado da hostalería, debemos ser consecuentes e proceder á suspensión temporal da campaña”, explica.

Ademais, Cajoto destaca: “de tódolos xeitos seguiremos actuando de forma responsable e apoiando sempre ao tecido comercial local porque son moitas veciñas e veciños, autónomos e pequenos empresarios, que viven do sector servizos. É por iso que procederemos de igual xeito que no Decreto de Alcaldía de data 26/04/2020 durante o período de peche, suprimindo taxas como as terrazas ou a recollida de lixo, neste caso previa solicitude”, indica.

Cajoto indica tamén que “o que non imos permitir desde o Concello son demagoxias ou populismos nesgados e malintencionados. Estamos a ver como desde o Partido Popular de Foz se nos piden axudas de medio millón de euros, supresión de taxas e ao mesmo tempo arranxos de rúas que levan moitos anos en mal estado, da época na que estaban gobernando. Estamos a facer un traballo serio e rigoroso, actuando onde nos permiten as leis e sendo consecuentes cos nosos actos. Non é de recibo que se pretenda, coa que está caendo, disfrazar a realidade e pretender que se invista o que non se fixo en oito anos e con menor recadación, co agravante de deixar un Concello cuns gastos comprometidos maiores ca nunca”, argumentou o rexedor focego.

PECHE DE INSTALACIÓNS

O alcalde de Foz anuncia tamén a publicación dun bando coas medidas a adoptar conforme a orde do 26 de xaneiro da Xunta de Galicia, no que se informa a todas as veciñas e veciños de que permanecerán pechadas distintas instalacións como a Escola de Música, piscina, museo da Basílica, Pavillón de Marzán, Campo de fútbol de Malates, Pistas de tenis e pádel de Marzán e outros de usos múltiples. Os parques infantís e zonas deportivas ao aire libre permanecerán abertos pero con aforo máximo conforme á cartelería disposta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...