Adega, sobre Barreiros: “de non haber condena, sería a anulación de toda norma urbanística”

O avogado afirma que a Fiscalía e acusación particular presentaron o municipio "como caso excepcional ou único exemplo" dun bum urbanístico que se aplica a máis concellos

Edificio nun terreo destinado á gandería. ADEGA

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), que se persoou como acusación particular no xuízo por prevaricación urbanística contra o alcalde de Barreiros, cinco edís do equipo de goberno de 2006 e a arquitecta municipal, ofreceu este venres unha rolda de prensa na que espuxo a súa visión sobre a causa.

Os ecoloxistas consideran que, “de non haber condena estaríase dando lugar a un mal precedente penal que implicaría, por unha parte, a anulación de toda a lexislación urbanística”.

Por outra banda, a libre absolución dos acusados, como piden as defensas, suporía para Adega “un inaceptable agravio comparativo con outros cidadáns que, en igual situación, tiveron que soportar como as súas vivendas eran derrubadas”.

EXENCIÓN DE RESPONSABILIDADES

En terceiro lugar, conlevaría tamén a “exención de toda responsabilidade urbanística por parte dos equipos de goberno e alcaldías, sen outra obriga que a de votar a favor dos informes técnicos”.

Adega chama a atención sobre “os graves problemas ambientais, de salubridade e de xustiza social que derivan de actuacións urbanísticas que, como a que se ten dado -e se segue dando- en Barreiros, só atende ao negocio especulativo de promotores e construtores”.

Os ecoloxistas lembran que se actuou “sobre a zona da rasa do litoral sen atender a ningunha das medidas de protección do Litoral; sobre zonas de Rede Natura sen que se tomen medidas para a protección da biodiversidade; e urbanizando en solo rústico sen que se contase cos servizos mínimos de auga, luz, saneamento e comunicación”.

DOLO

Adega insiste ademais en que houbo un “incumprimento doloso” da legalidade urbanística e que “non pode alegarse descoñecemento dos informes desfavorables da secretaria, por canto foron reiteradas as advertencias de ilegalidade da Aplu”.

DEFENSA

Pola súa banda, o avogado do alcalde de Barreiros, Luis Rego, confía na libre absolución do rexedor e dos demais acusados.

Rego considera que Fiscalía e acusación particular mantiveron unha estratexia consistente en “distorsionar a realidade” e presentar a Barreiros como “un caso excepcional ou o único municipio no que se produciu un crecemento urbanístico desmesurado, cando outros procederon de forma similar sen intervencionismo por parte da Xunta nin procedementos penais

O letrado afirma tamén que “a inconcreción sobre as normas que supostamente vulneraron os acusados” mesmo dificultaba “a defensa” dos mesmos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here