A Xunta de Galicia anunciou que completou as “actuacións de urxencia” previstas para atallar o deterioro do Ceip Virxe do Carme de Burela, cuxa comunidade padece humidades, filtracións de auga e dun mobiliario desfeito pola couza, entre outros problemas.
Por un lado, realizouse a substitución de canlóns e baixantes, para o que se debeu agardar á ausencia de precipitacións.
De xeito paralelo, o Executivo autonómico contratou a unha empresa especialista no tratamento con fibrocemento para rematar varias columnas deste material. En calquera caso, estes traballos están limitados aos puntos imprescindibles, polo paso das novas baixantes.
Segundo informou o Goberno galego, a obra de ampliación integral prevé actuar sobre a totalidade das columnas e mellorar por completo a fachada, coa colocación dun illamento térmico exterior (sistema SATE) empregado como revestimento.
MOBILIARIO E DESINFECCIÓN
Por outra banda, de común acordo coa empresa contratada polo Concello, programouse unha limpeza xeral das instalacións e mobiliario afectado pola couza.
Neste momento, segundo explica a Xunta, o novo mobiliario xa está no centro. A dirección está a facer unha selección para determinar cales dos antigos mobles precisan ser substituídos.
Despois está previsto acometer unha nova limpeza integral, a cargo da empresa contratada polo Concello, que empregará un produto desinfectante, con carácter preventivo.
Un insecto predador da couza, a scleroderma doméstica, apareceu no centro nos últimos meses e picou a varios profesores.
A REFORMA, EN REDACCIÓN
O proxecto técnico de reforma integral dos tres edificios do centro está en redacción, segundo explican fontes da Xunta.
O procedemento empregado para tramitar a obra será o de urxencia, polo que o Goberno galego prevé licitalo “en tres meses“, para que a adxudicación da obra estea lista en xuño.