A axenda: Ribadeo Indiano, Mercado Renacentista e o Carme en Foz e San Cibrao animan o verán

Comeza o treito máis intenso do período estival con dúas das festas de época máis multitudinarias da Mariña Lucense e coas tradicionais celebracións das vilas mariñeiras

Ribadeo Indiano. DEPUTACIÓN DE LUGO
Como cada venres, o Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da fin de semana.

BURELA

A escritora burelá Antía Yáñez presenta este venres na súa localidade natal (19.30 horas, antiga biblioteca) a súa nova obra, ‘O misterio do torque de Burela‘. Acompañarana Bernardo Penabade e Eva López, de Galaxia.

Ademais, o domingo haberá rastro solidario (de 10.00 a 15.00 horas na Praza da Mariña).

CERVO

San Cibrao presumirá de vila mariñeira na celebración das súas festas patronais, consagradas á Virxe do Carme. O programa comezará este venres con teatro, a cargo do grupo Ardora.
O sábado, a partir das 21.00 horas, celebrarase o concerto de corais na Igrexa de Santa María.
Para o domingo hai previsto un recital de música pop e rock da década dos 80 a cargo de Los Indecisos (casa da cultura, 22.00 horas). Ao mediodía, o grupo local Lazy Bones amenizará a sesión vermú na Praza dos Campos (13.00 horas).
Programa das patronais de San Cibrao. AXM
O día 15 comezará coa sesión vermú e ás 21.00 horas será a misa e posterior procesión cara o peirao. O grupo De Vacas, coñecido polas súas divertidas versións en galego de éxitos do pop, abrirá unha noite que pechará o grupo Arizona.

Finalmente, o martes 16, ás 12.00 horas, celebrarase a misa no porto e a posterior procesión cara a igrexa. Acordes e Clan Zero animarán a verbena.

FOZ

Foz tamén comezará estes días os festexos na honra da Virxe do Carme. Este venres, ás 21.00 horas na Praza Pardo de Cela, haberá un concerto de jazz a cargo da formación da escola de música.
Santa Cilla comeza os festexos na honra da virxe cunha churrascada (21.00 horas) e coa verbena, amenizada por Costa Dorada. O sábado, Tango e Stéreo porán ritmo á noite (22.30 horas).
O domingo, ás 20.00 horas na igrexa parroquial, celebrarase a misa de fin de novena cantada polo grupo Mar Aberto, coa presentación da canción ‘Canto a la Virgen del Carmen‘, obra de Javier Alonso “Chingla”.
A continuación comezará a sardiñada, organizada pola Peña Ñassss. Desde as 22.30 horas, na Praza Conde de Fontao, haberá verbena co grupo Lecer.
O luns, Compostela e Ritmo Joven animarán a noite (22.30 horas), na que se procederá tamén a decorar as rúas coas alfombras florais para a procesión do martes (12.45 horas). Finisterre amenizará a verbena noctura. Podes consultar aquí o programa completo.

MONDOÑEDO

Continúa o festival MindoMúsica, cun segundo concerto (20.30 horas, auditorio) no que se repasará repertorio de Gaos, Schumann ou Prokofiev.

RIBADEO

A vila volve vestirse de branco para recibir o Ribadeo Indiano. Os festexos comezan este venres (19.00 horas, teatro) co pregón, a cargo de Ernesto Cruzado. Tamén será a baixada e subida do porto, con actuacións teatrais e musicais.

Entre o programa do sábado destaca o Festival de Habaneiras e Música Hispanoamericana (20.30 horas, San Roque), que cumprirá a súa vixésimo quinta edición. Tamén haberá unha xincana, visitas teatralizadas, conferencias, contacontos, obradoiros, verbena e o novo certame benéfico de pintura ao aire libre (22.30 horas, quiosco da música).

Nunha edición dedicada a Cuba, a actuación do grupo Compay Segundo, en honra do falecido mestre Francisco Repilado, será o prato forte do domingo (20.30 horas, San Roque), no que se celebrará tamén o tradicional xantar no Círculo Habaneiro da Devesa.

Podes consultar todos os horarios e o programa completo nesta ligazón.

VIVEIRO

Aínda que o programa comezou xa ao longo da semana con dous concertos, o desembarco de Carlos V (venres, 21.00 horas, Praia de Covas) abrirá unha nova edición do Mercado Renacentista de Viveiro.

Xantar nunha das edicións anteriores. PALEO

Visitas teatralizadas polo Viveiro renacentista, un mercado con todo tipo de produtos, actuacións musicais, actividades infantís ou as tradicionais comidas no casco histórico da cidade do Landro, con centenares de persoas vestidas de época, animarán unha cita que aspira a ser de Interese Turístico Galego.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here