Xunta e obreiros de Alcoa instan ao Goberno a activar unha mesa de traballo “polo futuro de aluminio”

Os traballadores queren saber que ocorrerá coa poxa de interrompibilidade, pois houbo "modificacións" na convocatoria para adaptala "a criterios europeos"

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo, explica a postura do cadro de persoal na xuntanza con Feijóo. AXM

A instancia dos obreiros, a Xunta de Galicia solicitará ao Goberno central reactivar a mesa de traballo sobre a industria electrointensiva e incorporar nela ao comité de empresa de Alcoa San Cibrao co obxectivo de traballar nunha solución ao prezo eléctrico que permita garantir o emprego e a actividade industrial.

Na mesa participarían os sindicatos da fábrica sancibrense, a Xunta e mailos ministerios de Industria e de Transición Ecolóxica. Esta mesa seguiu durante meses a situación das plantas da Coruña e Avilés, que a multinacional vendeu finalmente ao fondo suízo Parter.

Os obxectivos desta mesa serían conseguir unha tarifa eléctrica que garanta a continuidade do aluminio en San Cibrao, considerado “inviable” por Alcoa sen un abaratamento da luz; aclarar en que consistirá o estatuto do consumidor electrointensivo, enviado á Unión Europea para a súa aprobación; e acadar que o Executivo central amplíe de 90 a 200 millóns a compensación dos gastos indirectos de CO2.

CAMBIOS NA POXA DE INTERROMPIBILIDADE

Os traballadores queren tamén saber que ocorrerá coa poxa de interrompibilidade, pois “houbo modificacións na convocatoria, na que se dicía que hai que axeitar a subasta aos criterios europeos. Queremos saber cales son esas directrices e tamén cando se vai convocar”, precisa o presidente do comité de empresa, Xosé Paleo (CIG).

OS SINDICATOS PIDEN QUE SE ESIXAN INVESTIMENTOS

O sindicalista pide ás Administracións autonómica e estatal que esixan a Alcoa que cese no recorte da produción de aluminio, do 11%, e que a cambio de abaratar a enerxía lle reclamen á multinacional un compromiso de “investimentos” en San Cibrao como mellor garantía de continuidade, tanto na localización coma no emprego. “O resto é pan para hoxe e fame para mañá”, sinala Paleo.

“En calquera país civilizado, está entre as obrigas dos Gobernos fomentar a industria e tamén fiscalizar a súa continuidade, esixíndolle ás multinacionais compromisos ligados ás condicións favorables“, sinala Paleo.

SEN NOVAS DA MINISTRA

Os traballadores non teñen por agora data da prometida visita da Ministra de Industria, Reyes Maroto, á planta de San Cibrao, que en principio debera celebrarse, segundo comprometeu o Executivo central, na primeira quincena de setembro.

A PARTIR DO DÍA 13, CONCENTRACIÓNS

Dada a situación na planta, os sindicatos aprobaron en pleno un calendario de mobilizacións que deberá recibir o 12 de setembro o respaldo da asemblea de traballadores. De saír adiante, o día 13 comezarían as concentracións no cruzamento do Castelo, á saída do complexo industrial, de 14.00 a 14.30 horas.

FEIJÓO: “ALCOA ESTÁ EN MANS DE PEDRO SÁNCHEZ”

Así se acordou tras a xuntanza que o presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantiveron esta tarde cos membros do comité de empresa da planta de Cervo.

Feijóo insiste en que o Executivo central ten que “asumir a súa responsabilidade e cumprir coa súa palabra para que o país conte cun marco regulatorio estable que permita a Alcoa San Cibrao e ao conxunto das empresas electrointensivas competir en igualdade de condicións que o resto de países europeos”.

“A solución están nas mans do Executivo de Pedro Sánchez“, sostivo Feijóo, que esixe ao presidente do Goberno en funcións “que reaccione e actúe, pois del depende non só o futuro de Alcoa San Cibrao, senón tamén, de Parter A Coruña, que conta cunha solución provisional de dous anos, e o conxunto da industria electrointensiva, da que dependen 5.000 familias só en Galicia”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here