O PP gaña en votos pero perde poder na Mariña, onde o PSOE se finca e o BNG adquire peso

Os populares ceden Foz, que suman os socialistas ás alcaldías consolidadas, e Barreiros, que conquistan uns nacionalistas que manteñen Ribadeo e que poden entrar en tres gobernos

Elena Candia, exercendo o voto. AXM

O Partido Popular (PP) foi a lista máis votada na Mariña Lucense con 15.610 votos, por 14.736 do PSdeG-PSOE. O BNG acadou 8.287 sufraxios, cun total de 4.058 apoios para outras formacións nunhas eleccións municipais que demostraron que os votantes seguen a preferir os tres grandes partidos.

Tamén é o partido que suma máis concelleiros, con 73, por 71 dos socialistas e 31 dos nacionalistas. Con todo, os comicios deixan un regusto amargo nos populares que perden influencia, mentres que os socialistas se fincan e os nacionalistas adquiren peso na comarca.

O PP mantén a súa forza en tres feudos tradicionais da formación conservadora, O Vicedo, Xove, e Cervo, onde Jesús Novo, Demetrio Salgueiro e Alfonso Villares revalidaron maiorías absolutas.

Os populares tamén gobernarán en solitario en Mondoñedo e Riotorto, dous municipios que gañaron ao BNG hai catro anos e nos que os votantes concederon o seu respaldo a Elena Candia e Clemente Iglesias. O golpe para a formación conservadora foi perder Foz e Barreiros.

O BNG SUMA BARREIROS E É CHAVE EN TRES MUNICIPIOS

Con todo, socialistas e nacionalistas son os grandes triunfadores das eleccións na comarca. O BNG mantén o seu feudo de Ribadeo, con Fernando Suárez Barcia á fronte, e tamén gobernará en Barreiros, onde Ana Ermida foi quen de desbancar a Alfonso Fuente Parga (PP), ao timón do Concello desde 2005.

Ademais, a formación frontista pode ser chave de goberno en Burela e Foz, onde as candidaturas de Mario Pillado e Francisco Javier Fanego sumaron un concelleiro máis con respecto a 2015. E probablemente será de novo integrante dun executivo de coalición no Valadouro, onde Eduardo Chao tamén conseguiu mellorar a representación na corporación cun edil máis.

O PSOE NON PERDE ALCALDÍAS E GAÑA FOZ

Pola súa banda, os socialistas non perderon ningunha das alcaldías obtidas nos anteriores comicios (Alfoz, A Pontenova, Burela, Lourenzá, Ourol, O Valadouro, Trabada e Viveiro) e sumarán Foz, onde Fran Cajoto superou ao PP de Javier Castiñeira e será o rexedor  do municipio.

En concellos como Ourol ou Alfoz o PSOE colleitou un maior respaldo e tanto José Luis Pajón como Jorge Val mandarán coa comodidade que lles dan as súas maiorías absolutas; o segundo gobernou na presente lexislatura en coalición con Veciños Independentes por Alfoz (VIA).

Burela é a nova negativa para o partido socialista, que perdeu a maioría absoluta da que gozou Alfredo Llano nos últimos catro anos.

DIFÍCIL INFLUÍR PARA OS INDEPENDENTES

As candidaturas independentes quedarán seguramente fóra dos gobernos mariñaos. Val non precisará de VIA en Alfoz, como si o fixo entre 2015 e 2019, mentres que Foz Plataforma de Futuro perdeu dous edís dos tres cos que contaba. A volta de Udival, cun concelleiro, non afectará á confección do executivo municipal se PSOE e BNG revalidan goberno de coalición.

Por Viveiro terá outros dous concelleiros nunha corporación similar á de 2015; María Loureiro gobernará probablemente en solitario acudindo a pactos puntuais, como o fixo nesta lexislatura. Ribadeo nos Une non conseguiu representación; tampouco Galicia Sempre, que se presentou en Burela.

EN MAREA, Cs E CxG, SEN EDÍS

Forzas políticas como En Marea ou Compromiso por Galicia (CxG) non acadaron representación, ao igual que Ciudadanos e Vox -con candidaturas únicas, ambas en Burela-. Si revalidou un edil Son Viveiro-En Común.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here