O Goberno anuncia que levará o estatuto das electrointensivas a Bruxelas a semana que vén

O comité de Cervo, decepcionado trala reunión co Executivo, esixe "feitos e non promesas" porque a fábrica podería "afogar na beira" cun mal resultado na poxa de interrumpibilidade

Traballadores de San Cibrao, na manifestación. EN COMÚN-PODEMOS/TWITTER

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao mostrouse “decepcionado” trala reunión mantida este mércores en Madrid co director xeral de Industria, Galo Gutiérrez, posto que o Executivo “non aclarou nada” sobre a execución das medidas que, segundo a multinacional, son precisas para abaratar a enerxía eléctrica e garantir “a viabilidade” da fábrica de aluminio de Cervo.

Segundo explica o presidente do comité, Xosé Paleo (CIG), o Goberno central asegurou que “manterá a folla de ruta prevista”, pero “neste momento a situación é urxente e tememos que non se chegue a tempo e que afoguemos na beira“, sostén.

ESTATUTO DAS ELECTROINTENSIVAS

O Executivo anunciou que aprobará o estatuto da industria electrointensiva “a final do mes que vén“, unha “promesa” que os obreiros non cren posto que o Executivo xa comprometera este documento a finais do pasado ano, antes de adiar a súa aprobación en abril, a poucos días das eleccións xerais.

“Que non se ofrecese nada concreto antes dos comicios estatais e tampouco na campaña dos locais fainos desconfiar de que haxa algo”, expón Paleo, que indica que Gutiérrez “non aclarou” se o estatuto recollerá a figura do consumidor hiperelectrointensivo.

Os representantes do Goberno central aseguraron que o secretario xeral do ministerio, Raül Blanco, presentará “a semana que vén”, relata Paleo, “o borrador do estatuto ante a Comisión Europea“, que debe validar o documento.

INTERRUMPIBILIDADE

Outro dos temas abordados durante a xuntanza foi o malestar da dirección de Alcoa e dos traballadores polas condicións da poxa de interrumpibilidade. Os obreiros consideran que a fábrica de aluminio de San Cibrao, cuxa tarifa eléctrica supón o 40% dos gastos de produción, “é a principal prexudicada” pola escaseza de bloques de enerxía a repartir e tamén polos baixos prezos de partida.

“Neste tema, evitáronnos; mandáronnos, como se soe dicir, para outra ventá”, afirma Paleo, que precisa que os representantes de Industria atribuíron a decisión sobre as condicións da subasta de enerxía eléctrica interrumpible ao Ministerio de Transición Ecolóxica.

Os traballadores lembran que insistiron en que a poxa de interrumpibilidade “non é a solución” aos problemas da planta, pero non entenden como “non se facilitan unhas condicións mellores mentres non se aproba o estatuto”.

COMPENSACIÓNS POR CO2

Obreiros e dirixentes do Goberno central tamén falaron do prometido aumento das compensacións por emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro (CO2). O Executivo comprometeu unha suba das axudas de 91 a 200 millóns -o tope permitido pola Unión Europea-, que por agora está por aprobar. “Reiterousenos o compromiso por parte do secretario xeral de Industria, pero non podemos fiarnos ata que haxa algo por escrito”, indica Paleo.

“A PREOCUPACIÓN SEGUE”

O sindicalista asegura que trala xuntanza “a preocupación segue” e que os traballadores temen “un mal resultado” na poxa de interrumpibilidade para o segundo semestre do ano, que se celebrará entre o 17 e o 21 de xuño. “Sabemos o que podería significar e non podemos máis que mirarnos no espello de Avilés e A Coruña“, afirma, en referencia ás dúas fábricas de Alcoa en proceso de peche.

RECLAMAN INVESTIMENTOS

Pola súa banda, os traballadores presentaron un informe sobre a situación da factoría cervense e reclamaron ao Executivo “medidas concretas” que abaraten a electricidade e poñan así ao Goberno en condicións de esixirlle a Alcoa “investimentos” para modernizar a planta e garantir o seu futuro.

Os traballadores presentaron unha listaxe con dez investimentos importantes para o futuro da fábrica e reiteraron que o peche de Alcoa San Cibrao “sería un golpe para toda a comarca da Mariña Lucense do que lle custaría moito levantarse”. O comité calcula que 2.000 empregos dependen do complexo industrial cervense.

A BALSA DE LODOS, “PRÓXIMA Á FIN” DA SÚA VIDA ÚTIL

“Ademais, falamos de dúas cuestións nas que o Goberno ten algo que dicir en materia de infraestruturas”, sinala Paleo. Unha delas é a ampliación do porto, para “poder facer tres manobras de carga e descarga á vez”, algo que non é posible neste intre.

Outro problema a solventar para garantir a continuidade de Alcoa na Mariña Lucense é o emprazamento da balsa de lodos vermellos, onde se almacenan os residuos sólidos que orixina a produción de alúmina, cuxa factoría é hoxe, sinala Paleo, a que “sostén ao complexo industrial”.

O presidente do comité de empresa sancibrense sinala que a actual balsa “está preto da súa fin e podería ter unha vida de como moito cinco ou seis anos“, polo que insta ao Ministerio a “facilitar e axilizar” a procura doutra ubicación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here