A circulación en Álvaro Cunqueiro será de novo dirección Ribadeo a partir do xoves

O Concello de Foz reorganizará o tráfico nunha das dúas arterias principais da capitalidade municipal para evitar atascos ante a afluencia turística en xullo e agosto

Avenida Álvaro Cunqueiro de Foz. AXM

O Concello de Foz anunciou este luns que o vindeiro 4 de xullo retomarase a configuración circulatoria previa á reforma no centro urbán da capitalidade municipal, coa circulación en Álvaro Cunqueiro dirección Ribadeo. A Avenida da Mariña orientará o tráfico cara Burela.

Trátase “dunha medida provisional para aliviar o tráfico durante o verán, dada a afluencia de turistas que ten o municipio”, explica o alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto.

Esta actuación, asegura, “evitará os graves atascos de tráfico que se produciron o pasado verán na Costa do Castro, ademáis dos riscos de seguridade que provoca a circulación pola Rúa do Pilar que conta con problemas estructurais“.

A remodelación fora criticada pola oposición ao dispor as dúas principais vías do centro urbán focego no mesmo sentido de circulación.

REFORMA “EN PROFUNDIDADE” TRALO VERÁN

A idea do executivo focego é realizar unha reforma en profundidade do tráfico na rúa tralo período estival. “Isto será un punto de partida. Despois do período estival queremos darlle un cambio definitivo, cunha análise rigorosa”, sostén Cajoto.

A instalación de pasos de peóns e bolardos; de prazas de aparcamento para a Policía Local; cambios nas zonas habilitadas para carga e descarga ou na velocidade máxima permitida, cun aumento de 20 a 30 quilómetros por hora, son algunhas das posibilidades que baralla o executivo municipal, que salienta que non se tomou aínda ningunha decisión a este respecto.

A reforma tamén podería afectar á Avenida da Mariña, a outra arteria principal de Foz. O bipartito estuda habilitar prazas de aparcamento para non residentes fóra do horario estipulado.

XUNTANZA CO TECIDO ASOCIATIVO

Segundo expón o executivo municipal, o pasado venres mantivo unha reunión para informar da súa intención e pulsar a opinión da Policía Local, Acia, asociacións de veciños e autoescolas, “facendo partícipes das decisións aos afectados”.

Cajoto remarca que se trataba “dunha das accións máis demandadas e con carácter urxente, tanto pola veciñanza como polos comerciantes”.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here