Os gobernos locais dos concellos costeiros da Mariña Lucense teñen un ano máis dificultades para contratar os socorristas que precisan para as súas praias. A 1 de agosto, o mes de maior afluencia turística, dos oito municipios do litoral mariñao, só Viveiro, Barreiros e Foz completaron a nómina prevista de vixilantes a principios do verán. Máis da metade non deron cuberto todos os postos. Ribadeo, Burela, Cervo e Xove non puideron completar o persoal, pero o caso máis grave é o do Vicedo, que carece do servizo.
PRAIAS SEN VIXILANCIA
Este xoves, o executivo municipal de Ribadeo insistiu nas súas dificultades para acadar socorristas, logo de dous simulacros que os profesionais realizan para estar “o mellor preparados posible” ante a “situación complexa” da falta de persoal, asegurou o concelleiro de medio ambiente, Jorge Díaz.
Ribadeo conta con 13 profesionais dos 17 que precisaría, despois de realizar tres convocatorias. A Xunta de Galicia, a través do Plan de Cooperación, subvencionou oito destes profesionais, mentres que o executivo municipal quitou outras nove prazas, ampliando nun mes a axuda do Goberno galego, que custeaba contratos por dous meses.
os gobernos locais quitaron ata tres convocatorias sen éxito; o traballo de socorrista non atrae
Os Castros-As Illas e As Catedrais son os areais do municipio que contan con bandeira azul. O goberno local tamén puido abrir Esteiro, pero non así a praia urbá dos Bloques, ao non contar con suficiente persoal.
Cervo conseguiu avanzado o mes de xullo un último socorrista, o quinto, que lle permitirá abrir a piscina de Río Covo. Outros catro profesionais, todos financiados pola Xunta, vixilan a praia do Torno, con bandeira azul. O goberno local pedira unha axuda para sete socorristas.
RETIRADA DE BANDEIRAS AZUIS
Para O Vicedo, a ledicia de que Abrela recuperase a bandeira azul e se sumase dese xeito a Xilloi como as praias do municipio co recoñecemento durou pouco. O executivo local, que accedeu a unha subvención da Xunta para seis vixilantes, realizou tamén tres convocatorias de persoal para conseguir un único socorrista, insuficiente para cubrir un só areal. Así, un dos principais concellos no tocante á afluencia turística da Mariña Lucense carecerá de servizo de socorrismo durante o verán.
Malia que este ano impartiu un curso de socorrismo de balde para o alumnado, o Concello de Xove atopouse cos mesmos problemas ca outros concellos. Tiña subvención autonómica para seis vixilantes, pero só obtivo cinco, tamén tras repetir varias convocatorias. Así, deixará sen socorristas o areal de Portocelo, máis abrigado e menos perigoso para o baño, para dotar do servizo a Esteiro (con tres profesionais) e Lago (dous).
Finalmente, Burela programou no inicio do período estival contar con dez socorristas, oito subvencionados pola Xunta e outros dous con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo. Actualmente conta con oito, que lle permiten manter cubertos os areais de Ril, A Marosa e Portelo, a costa de reducir o horario do servizo nos areais.
O PERSOAL COMPLETO, A ÚLTIMA HORA
A maioría dos Concellos que foron capaces de cubrir os postos non puideron facelo ata última hora. No caso de Viveiro, o goberno municipal conseguiu dotar de socorristas a unha das dúas principais praias do municipio, a de Covas, o pasado 30 de xullo.
Barreiros, que ofertou prazas para 15 socorristas, conseguiu o décimo quinto nos últimos días, despois de quitar unha última convocatoria o pasado 24 de xullo. Aínda así, este persoal non lle basta ao Concello para cubrir cinco das praias do municipio, quedando sen servizo Remior, Acantilado, San Bartolo, Oliñas e Gaivota, aberta unicamente nas fins de semana.
Cervo conseguiu tamén avanzado o mes de xullo un último socorrista que lle permitirá abrir a piscina de Río Covo. Outros seis profesionais, todos financiados pola Xunta, vixilan a praia do Torno, con bandeira azul.
Foz, pola súa banda, conta con doce profesionais mercé a un plan de emprego do anterior executivo e optou por renunciar ás bandeiras azuis de Areoura, Llás, As Polas e A Rapadoira para dotar a todos os areais do municipio de servizo de socorrismo.
MOTIVOS
Cales son os motivos da falta de socorristas? A redución das axudas para os concellos costeiros, a esixencia de formación ou as ofertas realizadas -tanto no relativo aos salarios como á duración dos contratos- son algunhas das razóns esgrimidas.
O GOBERNO GALEGO CUSTEA MENOS PROFESIONAIS
O Concello de Foz lamentou que o anterior alcalde non solicitase a subvención á Xunta de Galicia, o que significou que a Administración autonómica non financiase ningún vixilante no municipio. Executivos como o de Barreiros -que pasou de recibir axudas para contratar a 19 socorristas, no verán pasado, a oito neste-, o de Ribadeo ou o de Burela mostráronse moi críticos coa redución das achegas por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijóo.
A Xunta priorizou este verán reforzar a vixilancia nas piscinas do interior da provincia de Lugo a costa de rebaixar o investimento na Mariña Lucense.
barreiros pasou de ter 19 socorristas custeados pola xunta a oito. o goberno galego aludiu a criterios de “equidade” para reforzar a vixilancia nas piscinas do interior
Así, a nacionalista Ana Ermida resaltou que o número de socorristas cos que conta Barreiros é “absolutamente insuficiente” para atender os máis de oito quilómetros de praia do municipio. Nos exercicios anteriores, soía contar con arredor de 30 profesionais. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, tamén do BNG, cualificou de “migallas” a achega da Xunta. Mentres, o socialista Alfredo Llano, rexedor de Burela, lembra que en veráns pasados, o Executivo autonómico custeou en Burela “dez vixilantes por tres meses, mentres que agora pon diñeiro para oito por dúas mensualidades”.
Neste sentido, Llano insta á Xunta a reforzar o investimento e acabar co que considera “unha contradición“, dado que “non se pode querer atraer turismo e recortar en socorristas. A xente quere calidade e quere servizos“, argumenta.
A XUNTA REFORZA O INTERIOR “POR EQUIDADE”
O Goberno galego, pola súa banda, sostén que o investimento na provincia de Lugo non foi menor neste verán, senón que o reparto atendeu a “criterios de equidade” e a unha concepción “igualitaria” do territorio. As voces críticas con esta decisión lembran que, segundo os datos da propia Xunta, A Mariña é un xeodestino en auxe.
A FORMACIÓN, “EXCESIVA”
A esixencia de formación por parte do Goberno autonómico, cun curso de socorrismo que consta de 420 horas de duración e con prezos de arredor de 1.400 euros, é outra das causas que se soen poñer enriba da mesa. Gobernos como o de Ribadeo consideran esta titulación excesiva, dado que “os socorristas do Occidente de Asturias están perfectamente capacitados en tres semanas, con plenas garantías”.
a titulación pasou de custar 500 euros a máis de 1.300 euros, con 420 horas de formación
O alcalde do Vicedo, o popular Suso Novo, pediulle á Administración autonómica do seu partido que sexa “máis flexible. Non podemos ser máis esixentes cando hai menos xente”, resumiu, para solicitar que a Xunta “distinga entre socorristas titulados, cunha maior responsabilidade e un maior salario, e axudantes, cunha menor formación”.
XOVE INSTA A PEDIR IMPARTIR O CURSO
Pola súa banda, o tamén popular Demetrio Salgueiro, rexedor de Xove, instou aos demais Concellos mariñaos do litoral a solicitaren á Xunta impartir a formación en socorrismo, lembrando que a titulación é de balde para o alumnado de optar por esta fórmula. Llano asegurou que o goberno burelao pedirá ofrecer o curso de cara ao verán, e que tamén a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense optará a esta posibilidade.
PRECARIEDADE
Con todo, Llano incide no factor económico. “Cunha formación que custa 1.400 euros e só dous meses de contrato cada ano, aos rapaces non lles compensa”, explica.
Socorristas consultados consideran que os soldos son baixos –en Barreiros houbo un enfrontamento ao negarse o Concello a pagar horas extras pactadas outros veráns, que incumprirían a normativa laboral e que suporían unha cantidade de 10.000 euros– para un traballo que ten riscos evidentes, que inclúe exercer nas fins de semana e que carece de estabilidade no tempo.
os profesionais quéixanse de salarios baixos e de que soen facer máis horas das estipuladas
Tamén remarcan que o traballo a miúdo carece dun regulamento a nivel práctico, e que implica realizar máis horas das establecidas no convenio.
Gobernos coma os do Vicedo e Ribadeo matizan as críticas á precariedade. Novo precisou que este verán “aumentamos a oferta un mes máis dos dous que custea a Xunta”, e que o salario, “incluíndo as pagas extras, rondaba os 1.100 euros líquidos mensuais“. O Concello ribadense di pagar 1.500 euros brutos mensuais ao xefe de equipo, e 1.300 aos restantes profesionais.
Sexa como for, o indiscutible é que o traballo de socorrista, unha alternativa valorada por moitos mariñaos décadas atrás, xa non atrae. E tamén que a falta de persoal nas praias da Mariña Lucense, unha vez máis neste mes de agosto, é un problema de seguridade.