Alcoa anunciou este mécores a través dun comunicado de prensa, nunha mañá na que o comité de empresa se reúne coa dirección, a súa intención de iniciar o 25 de xuño un proceso formal de consultas para un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) ou despedimento colectivo nas súas instalacións de aluminio en San Cibrao.
O ERE suporía o que Alcoa chama “unha reestruturación” da planta de aluminio, en realidade o peche da electrólise, cesando a produción de ánodos, de metal líquido e das actividades relacionadas, así como a elaboración de tochos, lingotes e de parte da factura de placas de fundición. Segundo a multinacional, a medida afectaría a un máximo de 534 traballadores dos 633 da planta de aluminio, aínda que o recorte produtivo suporía a perda de alomenos 400 empregos máis nas empresas auxiliares, estiman os sindicatos.
Desde este mércores e ata o 25 de xuño, Alcoa continuará durante unha semana máis -a cuarta- as consultas informais abertas o pasado 28 de maio cos representantes dos traballadores “para informalos das graves circunstancias e da situación insostible pola que atravesa a planta de aluminio”.
Os sindicatos teñen un prazo de sete días para designar aos membros da comisión representativa que participarán nas negociacións do período de consulta formal, que durará un mes.
No proceso formal anunciado “a empresa continuará as consultas cos representantes dos traballadores co propósito de lograr o mellor resultado posible para ambas partes. Non se adoptará ningunha decisión final ata que se complete o proceso de consulta formal”, afirma Alcoa.
ALEGA “PROBLEMAS ESTRUTURAIS”, ENTRE ELES “O PREZO DA ENERXÍA” E A “SOBRECAPACIDADE MUNDIAL”
Respecto dos motivos para iniciar o despedimento colectivo, Alcoa alega que “a planta afronta unha serie de problemas que fixeron que a produción de aluminio primario sexa ineficiente e a operación da planta non sexa competitiva, e que causaron significativas perdas recurrentes, que se prevé que continúen”.
Entre os problemas “estruturais” da fábrica de aluminio, argumenta a compañía, “están os altos custos de enerxía e o baixo prezo do aluminio que, xunto co exceso de capacidade global, causaron significativas perdas recurrentes que se prevé que continúen”. Son factores, remarca, que “existían antes da crise da Covid-19 e espérase que continúen trala emerxencia sanitaria”.
ALÚMINA “NON SE VERÁ AFECTADA”
O complexo industrial de Alcoa en San Ciprián inclúe unha planta de aluminio e unha refinería de alúmina, que dá emprego a 510 persoas. Segundo a multinacional, “a produción na refinería non se ve afectada polo proceso”.