Xunta de Galicia e Concello de Barreiros polemizaron este martes trala entrega, esta mañá, por parte da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, dunha vivenda de promoción pública a unha familia de Foz que perdeu a súa residencia nun incendio rexistrado a finais do pasado mes de novembro no Caritel, na parroquia focega de San Martiño de Mondoñedo. Unha muller de 76 anos e o seu fillo residirán no inmoble.
O goberno local barreirense critica que non fose convidado ao acto, cando si estivo presente o voceiro municipal do Partido Popular (PP), Alfonso Fuente Parga, e acusa ao Goberno autonómico de “facer propaganda a raíz das desgrazas das persoas”.
O Executivo galego expuxo a través dun comunicado de prensa que, despois de que o lume calcinase a vivenda, a Xunta “trasladou aos afectados as posibilidades para facilitarlles un novo fogar: acceder a unha vivenda de promoción pública (opción aceptada) ou solicitar unha axuda dentro do programa Bono de Alugueiro Social, que consiste nunha axuda mensual destinada ao pago do alugueiro por importe de 225, 200 ou 175 euros, contía que varía en función de se o fogar se sitúa nunha das sete grandes cidades galegas, nunha vila ou nun concellos de tipo rural. O importe mensual da axuda equivale, en todo caso, ao 50 por cento do prezo máximo que poderá ter a casa alugada”.
A conselleira asegurou que o programa “é unha oportunidade para dar resposta a aquelas persoas que se ven afectadas por un incidente impredecible”, e lembrou que o Goberno autonómico vén de convocar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a liña de axudas ao Bono de Alugueiro social, unha subvención que se pode solicitar ata finais de ano.
ERMIDA LEMBRA OS PROBLEMAS DAS DEPURADORAS
A alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Ermida, lamentou pola súa banda que a conselleira “non se puxese en contacto co goberno municipal na súa visita oficial, elixido maioritariamente pola veciñanza barreirense”.
Ermida considera que de ter convocado ao Concello, as administracións local e autonómica “poderían ter tratado cuestións de relevancia nas que a súa consellería ten competencia e que xa lle foron trasladado por carta no seu momento, sen obter resposta, como a problemática das depuradoras de San Miguel e Reinante e os problemas ambientais que xeran na praia de Arealonga”.
Outra das cuestións que Ermida reclama abordar a Vázquez é “a existencia real dun convenio para a urbanización de rúas en San Miguel e San Cosme que foi anunciado hai xusto un ano por esta mesma conselleira, a finais do pasado febreiro, en plena precampaña das municipais, e do que o goberno actual non tivo constancia, pese a tratar de informarse do mesmo”.
“DESLEALDADE INSTITUCIONAL”
Desde o goberno municipal, expón Ermida, “comprácense de contar con unha nova familia no concello, mais lamentan a realización dun acto propagandístico a raíz da desgraza das persoas e instan á Xunta de Galicia a actuar como ente institucional e non como un aparato propagandístico a disposición do partido gobernante, coa lealdade e o respecto institucional que deben ter todos os gobernos lexítima e democraticamente elixidos, como o de Barreiros”.