Como cada venres, o Xornal da Mariña ofrece a axenda cultural e de ocio da fin de semana. Esta vez, propoñémosche unha ducia de alternativas.
ALFOZ
O Castelo de Castrodouro de Alfoz acollerá desde o sábado (coa inauguración ás 11.00 horas) unha exposición de acuarelas de Juan Ramón Alves.

BARREIROS
Barreiros aposta polo teatro. O domingo, Axóuxeres interpretará a obra ‘Un divorcio no pobo‘ (centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro, 16.30 horas).
BURELA
Continúa a feira-náutico pesqueira Expomar, na nave de redes do peirao burelao. O recinto ofrece 135 stands de 350 marcas. Ademais, celebrarase o Consello Galego de Pesca e continuarán as xornadas técnicas, pola tarde. Podes consultar o programa completo neste pdf. PROGRAMA DE ACTIVIDADES EXPOMAR 2019
Burela ofrece humor para a noite do venres. Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei presentan o espectáculo cómico ‘Papar sen cancelas‘ (auditorio, 21.00 horas), coa entrada a tres euros.
CERVO
Cervo une o sábado gastronomía e música na décimo terceira edición da Festa da Carne de Porco e a quinta Foliada. Haberá obradoiro de regueifas con Manolo Maseda e Lupe Blanco, tapas polos bares, degustación de churrasco ou actuacións musicais, como a das Tanxugueiras. Podes ver o programa completo neste enlace.
A banda musical xuvenil ‘O Landro‘ de Viveiro interpretará o venres no Vicedo (casa da cultura, 20.30 horas) ‘Un día no circo‘.
FOZ
O recoñecido divulgador científico Xurxo Mariño ofrecerá o venres (20.00 horas, Cenima) unha conferencia en Foz sobre a radiación, os teléfonos móbiles e a saúde.
RIBADEO
Ribadeo celebra un ano máis as súas xornadas de abordaxe da violencia de xénero, venres e sábado. O documental sobre a trama de prostitución da Carioca ‘Benvidas ao club‘ ou o programa de actualidade satírico ‘Deforme Semanal‘ son algúns dos atractivos da cita. O programa completo, aquí.
O vindeiro sábado comeza o Ribadeo de Tapeo, que cumpre catorce anos de historia e de praceres culinarios. Pega un vistazo ás creacións da hostalería ribadense aquí antes de elixir entre a variada oferta.

VIVEIRO
Participantes de todo o planeta competirán desde esta fin de semana no Raid Gallaecia, que se prolongará ata o 19 de maio. A elite da carreira de aventuras cítase nunha proba que pasará polos 16 municipios da Mariña Lucense, Muras e Castropol para rematar en Viveiro. En xogo, dous billetes para o Mundial da especialidade.
O sábado a mediodía, Pedro Brandariz presenta o espectáculo de contacontos ‘As lendas de Antón Fraguas‘, o escritor ao que se dedica o Día das Letras.

Galdo celebra esta fin de semana (sábado e domingo) a súa tradicional Feira das Maulas.