A axenda: bonito e percebe dan sabor a agosto na Mariña, epicentro do folclore

Exaltacións gastronómicas e música e baile tradicionais protagonizan a primeira fin de semana do mes turístico por excelencia

Degustación na Feira do Bonito de Burela. TURISMO DE GALICIA

Como cada venres, o Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da fin de semana.

ALFOZ

Alfoz celebra a Festa dos Chóferes. O venres abre os festexos unha sardiñada, desde as 21.00 horas, con verbena. O sábado, ás 12.00 horas, será a tradicional bendición dos vehículos polo San Cristóbal.

BARREIROS

Barreiros acolle un ano máis propostas folclóricas de varios continentes no Festival do Emigrante, que se celebra o sábado (campo de fútbol das Valgas, 22.00 horas). Os festexos comezarán o venres cunha foliada.

Programa do Festival do Emigrante. AXM

BURELA

A Feira do Bonito ofrecerá este sábado o produto estrela de Burela en distintas variedades (empanada, salpicón, á grella e cocido, e o domingo, en marmitako). A degustación comezará ás 14.00 horas, tralo pregón da actriz Estíbaliz Veiga.

Ademais, Burela encherase de actividades paralelas, como o certame de pintura mural Amarte, a feira de produtos artesáns e ecolóxicos Produart, que se inaugura este venres (17.00 horas) ou o concerto de Budiño. Podes acceder ao programa completo nesta ligazón.

CERVO

A Sacabeira, en Sargadelos, segue coa súa programación cultural. Este sábado, a partir das 20.30 horas, concerto de Pedro Chillón.

Continúan as Veladas de Teatro de Cervo, que organiza O Bordelo. Venres, sábado e domingo haberá escenificacións a partir das 21.30 horas, na Praza do Souto, con entrada de balde. Ademais, cada obra irá precedida dun petisco artístico, Express-Arte.

Mistura de Lieiro convida a unha xornada de música e baile tradicional co seu Festival Folclórico.

Festival Folclórico de Mistura. AXM

Este sábado, en dúas quendas, desde as 12.00 e as 19.00 horas, Cervo exalta o xamón cocido con racións a cinco euros. Na Praza do Souto.

FOZ

O sábado (Cenima, 19.30 horas), Neira Brochs inaugura unha exposición sobre a traxedia da Expedición Cántabra e a Fragata Magdalena.

Exposición de Neira Brochs. AXM

MONDOÑEDO

Carlos Núñez regresa a Mondoñedo para ofrecer un concerto na catedral, este venres a partir das 21.00 horas.

O VALADOURO

Este venres, ás 19.00 horas na casa da cultura, o actor e dramaturgo Manuel Lourenzo recupera un libro que escribiu sobre o Entroido no Valadouro.

RIBADEO

A vila mariñeira de Rinlo, no concello de Ribadeo, celebrará o sábado unha nova edición da Festa do Percebe, na que repartirá 750 quilos deste manxar. A cita ofrecerá ademais a posibilidade de participar en visitas guiadas ás antigas cetáreas.

A actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre (19.00 horas, trala ofrenda floral ao gaiteiro) será un dos reclamos da tradicional Xira de Santa Cruz, que o domingo reunirá neste monte do concello de Ribadeo a milleiros de amantes do folclore galego. O programa comezará o sábado co pregón e unha mostra folclórica.

RIOTORTO

Riotorto ten todo listo para celebrar, este venres, unha nova edición da súa Festa Celta, con actuacións como a de Tiruleque.

Cartel da Festa Celta. AXM

TRABADA

O domingo, Trabada propón unha tarde de “teatro contra o bullying” coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña (21.00 horas, casa da cultura).

VIVEIRO

O festival da cervexa artesá Beer-Viveiro ofrecerá un amplo abano de posibilidades, con 70 cervexas distintas. Celebraranse durante toda a fin de semana nos xardíns Noriega Varela, cun programa que inclúe obradoiros, xogos populares e concertos.

Viveiro celebra tamén a súa Mostra Folclórica Internacional, con actuacións do Gran Ballet Arxentino (sábado, 22.00 horas, Praza Maior) e a Gran Gala Internacional (domingo, 20.30 horas, no mesmo escenario).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here