Como cada venres, repasamos a axenda cultural e de ocio da fin de semana na Mariña Lucense.
BURELA
O cómico coruñés Luis Piedrahita presenta este venres en Burela (21.00 horas, casa da cultura) o seu espectáculo ‘Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas‘.
A Marosa Cup reúne esta fin de semana en Burela a 500 deportistas de fútbol base. Entre os 36 equipos participantes está o Deportivo.
Tras dous empates nas dúas primeiras xornadas, o Pescados Rubén Burela FS masculino busca a súa primeira vitoria do curso contra o potente filial de El Pozo. Será o sábado, en Vista Alegre, desde as 18.30 horas. O Burela FSF arrinca a Liga na Coruña, contra o Viaxes Amarelle, o sábado ás 18.00.
O cantautor fonsagradino Xoán Curiel e a banda Son+de2 presentan o espectáculo musical e teatral ‘A Casa do Terror‘, dirixido a nenos de entre sete e doce anos. Será o sábado, na casa da cultura, ás 19.30 horas.
A Praza da Mariña de Burela acollerá o domingo, desde as 17.30, un taller de robótica para nenos, aberto e gratuíto.
CERVO
Mariña Patrimonio e Fervenza de Sargadelos organizan un roteiro para coñecer o patrimonio arqueolóxico e natural de Cervo. Será o domingo, cun percorrido desde Rueta a Sargadelos.
FOZ
Este venres, no centro de interpretación de San Martiño de Mondoñedo, Luis Cordeiro Mañón e Celso Rodríguez Cao ofrecerán unha conferencia sobre arqueoloxía titulada ‘Novas aportacións para o estudo da necrópole medieval da basílica de San Martiño’.
A premiada obra sobre Elisa e Marcela, o primeiro matrimonio homosexual en España, que recrea A Panadaría, chega a Foz o sábado. Será ás 19.30, na casa da cultura, con entrada a 3,5 euros.
LOURENZÁ
Carlos Blanco ofrecerá unha escolma dos seus mellores monólogos o sábado en Lourenzá, ás 20.30 horas na casa da cultura.
VIVEIRO
Vivemar alcanza a súa semana final cun coloquio -este venres, 19.00 horas, sala multiusos do consistorio- sobre a restauración da ría de Viveiro. Tamén haberá cantos de taberna.
A xornada do sábado inclúe un recital poético ou mercadiño infantil, entre outras actividades, e para o domingo queda o ciclo de cine marítimo, en sesión matinal e de tarde. Ademais, continuará durante toda a fin de semana o tapeo en 25 locais de Viveiro, Celeiro e Covas. Podes descargar o programa ao completo neste enlace. 20180828 (2).CRONOGRAMA VIVEMAR
Os máis pequenos poden desfrutar dun novo capítulo do Sábado de Contos, ás 12.00 na biblioteca con entrada de balde. A Tropa de Trapo presentará ‘Contos de nenas grandes e pequenas‘.
Tamén o sábado, ás 20.30 horas, a FCAM sortea en Covas 1.500 euros entre os compradores no comercio local.
XOVE
O BNG organiza este venres, desde as 20.00 horas na aula de formación de Xove, unha charla de toponimia local a cargo de Vicente Feijóo, responsable neste ámbito da Real Academia Galega (RAG).