Alfonso Jiménez Marín, maxistrado do Xulgado do Penal nº 2 de Lugo, absolveu ao alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, a cinco edís do equipo de goberno de 2006 –José Manuel Gómez Puente, Lorenzo Penabad Bolaño, María Alina Rodríguez, Eulogio Menéndez e José Rojo– e á arquitecta municipal, Marta Geada Arca, dun delito de prevaricación urbanística pola suposta concesión irregular de 45 licenzas durante ese mesmo ano, en pleno bum da construción.
TRES BLOQUES DE ACTUACIÓN
A sentenza, que consta de 37 páxinas, establece “tres bloques de actuación” segundo as irregularidades imputadas aos acusados.
Un deles refírese á concesión de 41 licenzas a outras tantas promocións, para preto de 3.000 vivendas, en terreos que “carecían de urbanización básica, constituída por viarios perimetrais e redes de servizo de abastecemento de auga, evacuación de augas residuais, rede de saneamento e subministro de enerxía eléctrica”, segundo as acusacións.
Outro dos bloques é relativo a tres autorizacións para a construción de piscinas, pistas polideportivas e áreas de xogos, consideradas irregulares polas acusacións ao entender que invadían solo rústico segundo a normativa existente.
Finalmente, abórdase a concesión por silencio administrativo positivo, de xeito supostamente ilícito, dun permiso para outra promoción.
LICENZAS A 41 PROMOCIÓNS
No tocante ao primeiro dos casos, o xuíz considera que “o tema a dilucidar céntrase na clasificación do solo urbán como consolidado ou non consolidado” e en se as parcelas para as que se concederon as 41 licenzas “podían adquirir a condición de solar mediante obras accesorias e de escasa entidade”.
Neste senso, o maxistrado argumenta que non hai unha “conclusión uniforme” sobre esta cuestión entre as testemuñas periciais de defensa e acusacións.
o xuíz cre que non hai “consenso” sobre se os terreos onde se permitiu construír “poderían adquirir a condición de solar” con obras menores
Así, asegura que por parte destas últimas “non se acreditou cun mínimo de rigor no plano técnico, que non existiran redes de suministro e servizos urbanísticos, alomenos básicos, ao pé das parcelas onde se outorgaron as licenzas controvertidas”.
Ao contrario, sinala o xuíz, respaldan a afirmación dos peritos da defensa “datos reais e obxectivos como son as fotografías expostas no informe pericial” dunha das testemuñas.
O PAPEL DA SECRETARIA MUNICIPAL, CHAVE
Un dos fundamentos da defensa foi responsabilizar da concesión de licenzas á secretaria municipal, que asegurou que advertira ao equipo de goberno nunha xuntanza sobre as supostas irregularidades cometidas e as súas consecuencias; unha reunión que negaron os acusados e outra testemuña, o fontaneiro municipal.
a secretaria municipal “NON AVISOU DE ILEGALIDADES en ningún expediente”, RESALTA O MAXISTRADO
No escrito, o xuíz resalta que “en ningún expediente” dos emitidos pola secretaria “consta unha advertencia de ilegalidade no caso de aprobarse as licenzas”.
Así, e malia que admite que Fuente Parga “mantén unha postura certamente desconcertante, en canto se ampara e alega descoñecemento en moitas das cuestións que se lle presentaron por parte das acusacións, e non obstante manifesta que as aprobacións das licenzas basáronse principalmente en que contaban cun informe técnico favorable”, o maxistrado conclúe que non houbo dolo por parte do rexedor nin dos outros acusados.
“Cabe preguntarse se a actuación dos acusados foi totalmente legal ou axustada á lexislación vixente, o que nos entraña certas dúbidas”, sinala o maxistrado, que non obstante expón que “a resposta non pode ser rotundamente positiva” á pregunta de se “a súa actuación estivo desprovista de toda interpretación razonable do ordenamento xurídico. Non aparece con claridade meridiana que actuasen sabendo a inxustiza que cometían”, asevera.
a sentenza atribúe ao alcalde unha postura “certamente desconcertante”, pero conclúe que a súa actuación non foi dolosa
PISCINAS E ZONAS RECREATIVAS
No relativo ás licenzas correspondentes a piscinas e zonas recreativas, a sentenza xulga que “a normativa reguladora en dito momento” foi declarada “nula de pleno dereito” polo Tribunal Supremo en 2014, o que “deixa sen efecto este motivo de ilicitude penal”.
SILENCIO ADMINISTRATIVO
Finalmente, no tocante á licenza concedida por silencio administrativo, o xuíz non aprecia indicios de irregularidade, nin por parte da arquitecta municipal nin por parte dos membros da xunta de goberno, aos que “ninguén expuxo cuestións de fondo ou a existencia de resolución algunha de suspensión de licenzas”.
IRREGULARIDADES ADMINISTRATIVAS
Como resumo, o maxistrado considera que non existe unha vulneración da normativa o suficientemente grave como para supoñer a comisión dun delito, polo que entende que se trata dunha cuestión que pertence máis ao dereito administrativo có penal.
“non deben someterse a procedementos penais persoas cuxas condutas son reprochables noutros campos xurídicos”, expón o fallo
“Non só non deben perseguirse os feitos que evidencian a falta de trascendencia delictiva, senón que tampouco teñen que verse suxeitas a procedementos penais persoas cuxas condutas ou ben non son claramente incriminables por falta de indicios, ou son reprochables en campos xurídicos distintos do penal”, razoa.