Coa célebre ‘Grandola Vila Morena‘ (“o pobo é quen máis ordena”) na voz de Amalia Rodrigues soando ao fondo na Praza do Concello, a canción de Zeca Afonso que o Movemento das Forzas Armadas elixiu no 1974 como derradeiro sinal para iniciar a Revolución dos Caraveis en Portugal, entre choros e aplausos que tornaron en abrazos, Ana Ermida (BNG) foi elixida por maioría absoluta como alcaldesa de Barreiros co voto a favor dos cinco concelleiros da formación frontista e da edil do PSdeG-PSOE, Carmen Veiga. Nacionalistas e socialistas gobernarán en coalición tras un acordo que racha con catro décadas de mandatos da dereita.
“É real”, salientou no seu discurso a rexedora, que subliñou que despois de 40 anos de gobernos conservadores haberá un executivo progresista en Barreiros, e tamén liderado por primeira vez por unha muller.
Ermida, de 35 anos, prometeu gobernar “coa humildade de quen non esquece de onde vén e a quen se debe. Este momento histórico fixéstelo vós”, agradeceulle á veciñanza, que ateigou o salón do consistorio para o pleno de investidura, cada veciño co seu caravel.
O MOMENTO DE QUE “ENTRE A LUZ”
“É o momento de que a luz entre, de que Barreiros se mostre tal e como é”, afirmou a rexedora, que como o resto do edís nacionalistas xurou o cargo comprometéndose a “defender os intereses xerais da veciñanza e do pobo galego”.
Ermida lembrouse dos concelleiros nacionalistas que traballaron con ela en anteriores lexislaturas e tamén dos que a precederon, e mostrouse aberta á “cooperación. Non é o momento dos reproches, senón de tender pontes e saltar escollos“, argumentou.
A rexedora recibiu do seu fillo unha medalla coa inscrición de “mamá alcaldesa“, despois de quebrarse durante o discurso ao lembrar a súa familia.
FUENTE PARGA: “O POBO DISPUXO”
Pola súa banda, Alfonso Fuente Parga, do Partido Popular (PP), que ostentaba o bastón de mando desde 2005, expresou a súa intención de “tender a man” ao goberno entrante e de axudalo “no que poidamos desde a nosa experiencia no executivo”. O ex rexedor admitiu que “o pobo dispón e o pobo dispuxo” e rematou o seu discurso cun “noraboa e ánimo”.
VEIGA: “NON SEREI UN OBSTÁCULO”
“Enorgulléceme fondamente formar parte deste goberno de esquerdas“, afirmou Veiga, visiblemente emocionada. “Penso que imos traballar moito e ben, porque ganas e compromiso hai”, afirmou, para prometer que non será “un obstáculo” senón que se rexerá pola máxima do partido socialista de “mirar cara adiante” para facer “un Barreiros forte”.
CONTRATAR SOCORRISTAS, PRIMEIRO ASUNTO
A contratación dos socorristas para un concello de gran atractivo turístico será, desde o luns, a primeira preocupación da rexedora, que cobrará unha dedicación exclusiva de 29.000 euros.
Veiga, segunda tenente de alcalde, levará a carteira de asuntos sociais e percibirá unha dedicación parcial de 12.600 euros. Ermida salienta que o seus salarios suman o importe total que percibía o anterior rexedor, e que non haberá ningunha outra dedicación para os integrantes do executivo municipal.
O RESTO DAS ÁREAS, SEN DECIDIR
Polo de agora, Ermida explica que o resto das áreas de goberno non está decidida. Contará cun mes de marxe para concretalas no pleno de organización.
DESCARTA SER DEPUTADA
Preguntada polos xornalistas trala toma de posesión do cargo, Ermida, que coordina o BNG na Mariña Lucense, descartou ser deputada provincial polo Bloque na Deputación de Lugo. “Como moito, responsable comarcal e alcaldesa”, afirmou.