A praia de Arealonga, no municipio lucense de Barreiros, recuperou a zona de baño na totalidade das súas augas tralos resultados correctos das últimas analíticas realizadas.
Así o confirmou o Concello, que fixera pública nas últimas semanas de agosto a recomendación de non bañarse nese areal, logo de coñecerse os resultado das analíticas que demostraban a existencia de contaminación microbiolóxica temporal.
A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, explicou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) notificou que “as últimas analíticas realizadas no auga de baño de Arealonga, do mesmo xeito que as do resto do concello”, foron positivas, polo que pode “levantarse a recomendación de non bañarse”.
A EDAR, INCAPAZ DE FACER FRONTE Á “POBOACIÓN FLOTANTE”
A alcaldesa destacou que “a problemática da contaminación da auga solucionouse unha vez que a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Miguel de Reinante recuperou o seu caudal e segue funcionando con normalidade ao chegarlle unha cantidade de residuos para a que ten capacidade“.
Polo tanto, insistiu en que “a problemática subsistirá mentres non se lle dea solución definitiva ao problema da depuración de augas, mediante a construción dunha nova depuradora con capacidade suficiente para facer fronte á poboación flotante que hai en Barreiros nos meses de verán”.
A rexedora pediu colaboración á Xunta de Galicia e ao Executivo central para executar o proxecto, cun investimento de 3,3 millóns de euros. Desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade instouse á Deputación de Lugo a achegar “a mesma cantidade” que o Goberno autonómico.