Elena Candia, Jesús Novo e Javier Jorge Castiñeira serán os tres deputados do Partido Popular (PP) na corporación provincial polo Partido Xudicial de Mondoñedo.
A Xunta Electoral Zonal (XEZ) de Mondoñedo convocou para o vindeiro xoves a elección dos deputados provinciais do Partido Xudicial.
A alcaldesa de Mondoñedo e presidenta do PP lucense repetirá como deputada provincial e todo parece indicar que tamén como voceira do partido conservador na Deputación.
Candia, que gañou con maioría absoluta as eleccións locais no municipio mindoniense, asumiu a presidencia do goberno provincial en xuño de 2015, logo de que as desavinzas entre Manuel Martínez e o PSdeG-PSOE lle desen o mando da institución, aínda que unha moción de censura en outubro dese mesmo ano devolveulle o poder aos socialistas.
Novo, pola súa banda, volve á Deputación despois de exercer como deputado provincial entre 2011 e 2015. O alcalde do Vicedo demostrou de novo nos pasados comicios locais que é un valor seguro para o PP, renovando maioría absoluta.
Finalmente, Castiñeira, rexedor de Foz entre 2011 -cando recuperou a alcaldía para o PP tras 16 anos de mandatos socialistas- e 2019, foi un dos dous candidatos do PP que perdeu o bastón de mando nas eleccións municipais do 26 de maio. O outro foi o rexedor de Barreiros, Alfonso Fuente Parga.
O ex alcalde focego vivirá a súa primeira experiencia como deputado provincial na vindeira lexislatura.
SALGUEIRO E YANES GINZO NON SEGUEN
Novo e Castiñeira substituirán como deputados provinciais a Demetrio Salgueiro, que continúa como alcalde de Xove con maioría absoluta, e José Manuel Yanes Ginzo, rexedor de Trabada desde 1991 a 2015.
Yanes Ginzo, que deu o relevo a José María Fernández como candidato do PP trabadense ás eleccións municipais de 2019, anunciou este venres a súa intención de deixar a presidencia do partido conservador a nivel local, que ostentaba desde 2001. Será unha xestora a que asumirá o mando ata que a dirección provincial nomee sucesor.
Tamén foi deputado provincial durante dez anos (lexislatura 2007-2011, lexislatura 2011-2015 durante os anos 2013-2015 e lexislatura 2015-2019).
RELEVO NO PP TRABADENSE
Ginzo ponse a disposición da dirección para facilitar o relevo “e axudar no que faga falta”. “A nivel persoal chegou o momento de deixar paso. Fágoo convencido porque toca vivir outra etapa na miña vida. Con todo, seguirei estando aí porque, por riba de todo, son un home de partido”, afirma.
Candia, pola súa banda, salienta que “Ginzo foi un excelente alcalde e un excelente compañeiro na Deputación, polo que só teño palabras de cariño e de agradecemento hacia el. Agora iniciaremos o proceso para renovar a presidencia, buscando aos mellores para fortalecer o Partido Popular en Trabada e traballar polos intereses dos veciños”, conclúe.
LOUREIRO E MAYRA GARCÍA, POLO PSOE
Por agora, só trascenderan as representantes do PSdeG-PSOE, que presumiblemente gobernará o ente provincial en coalición co BNG. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a rexedora de Trabada, Mayra García Bermúdez, representarán aos socialistas mariñaos en San Marcos.
O BNG DECIDE ARESTORA
O Bloque Nacionalista Galego elixe nestes intres nunha asemblea en Foz o deputado provincial polo Partido Xudicial de Mondoñedo que lle deron as urnas o pasado 26 de maio. Unha decisión chave, posto que o representante da formación frontista entrará presumiblemente no goberno.