O 22 de setembro gaña forza como data para a repetición de eleccións en Burela

Un total de 630 burelaos da mesa 1.5.U do Perdouro están chamados a votar de novo nuns comicios que deben celebrarse, segundo a normativa, antes do día 29 dese mes

Furna nas anteriores eleccións europeas e municipais. EFE

O 22 de setembro gaña forza como a data máis probable para a repetición das eleccións municipais nunha mesa do instituto O Perdouro de Burela, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimase a reclamación de Burela Sempre en relación a seis votos nulos extraviados que a Xunta Electoral Zonal (XEZ) non puido comprobar.

Dado que a sentenza do Alto Tribunal ordena a repetición de eleccións nun prazo máximo de tres meses, o 29 de setembro rematará o prazo legal para que se dispoña de novo a votación na mesa 1.5.U. Como normal xeral adóitase convocar os comicios en domingo, día festivo que facilita a participación.

Ao igual que en anteriores comicios, a data de repetición de eleccións municipais será a mesma en todos os concellos do Estado nos que se decretou a anulación dos comicios, polo que todos os recursos interpostos deben estar pechados, tal e como o estipula a Ley Orgánica del Régimen Electoral General (LOREG).

O CONSELLO DE MINISTROS APROBARÁ A CONVOCATORIA

O procedemento de convocatoria da cita electoral é a través dun Real Decreto do Ministro do Interior e da Ministra de Política Territorial e Función Pública, que debe aprobarse no Consello de Ministros e que se publicará no Boletín Oficial do Estado (BOE).

De confirmarse esta data, que segundo puido saber Xornal da Mariña é a principal alternativa que manexa o Ministerio do Interior, os cidadáns dos municipios nos que se anularon os resultados electorais do pasado mes de maio votarían un día antes do límite para a investidura do novo presidente do Goberno central; de non haber acordo, convocaríanse de novo comicios xerais no conxunto de España.

630 PERSOAS CENSADAS

Un total de 630 burelaos están chamados a votar de novo nunha cita electoral cuxo resultado podería alterar a representatividade na corporación. Burela Sempre, partido dependente de Galicia Sempre, formación que fundou a nivel provincial o alcalde de Becerreá e ex deputado díscolo do grupo socialista Manuel Martínez, e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) dirimiron o décimo terceiro edil por un voto.

Segundo o resultado dos pasados comicios electorais, os nacionalistas sumaron 813 votos por 271 sufraxios de Burela Sempre. Estes mesmos apoios foron os que precisou o BNG para sumar un terceiro concelleiro -un máis ca nas eleccións locais de 2015-, de xeito que o “empate” desfíxose a favor da formación frontista -e deixou ao partido independente sen representación– por ser a que obtivo máis respaldos totais, tal e como marca a lei electoral.

O censo electoral será o mesmo que nos comicios do pasado 26 de maio. Non poderán votar quenes cumpriron a maioría de idade desde aquela, nin tampouco os novos censados no municipio, dado que a intención é que a nova votación se aproxime o máximo posible á orixinal.

No tocante aos integrantes da mesa, a Xunta Electoral Central dictou en 2015 a Instrución aclaratoria 3/2015, do 26 de agosto, na que determinou que os membros serán os mesmos ca na convocatoria anulada, previa reiteración da notificación.

1 COMMENT

  1. Coma sempre política retro, parece q sólo se presenta o bloque …Resumindo ou gaña o psoe por maioria, debe ser que traballou duramente, ou quita outro o pp. O bloque sólo vai para arrimarlle ao psoe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here