InicioPolíticaPSOE e BNG retomarán as negociacións para un goberno bipartito no Valadouro

PSOE e BNG retomarán as negociacións para un goberno bipartito no Valadouro

Os nacionalistas decidiron este domingo en asemblea abrirse a unha nova oferta dos socialistas, que acolleron ben a proposta do BNG de "comezar de cero"

Publicada o

- Advertisement -

O BNG do Valadouro decidiu este domingo en asemblea a apertura do partido frontista a retomar as negociacións fallidas co PSdeG-PSOE para a constitución dun goberno en coalición no municipio.

Socialistas e nacionalistas xa gobernaron conxuntamente na pasada lexislatura, e o resultado electoral dos comicios locais do pasado 26 de maio –con catro edís para PSOE, outros catro para Partido Popular, dous para BNG e un para a formación independente Udival– parecían facilitar a ambos partidos revalidar o seu acordo de colaboración.

Tralas eleccións municipais, PSOE e BNG pactaron para a investidura do socialista Edmundo Maseda, pero o bipartito apenas durou uns días, xa que non houbo acordo sobre as retribucións a percibir polos concelleiros con dedicación.

AS RETRIBUCIÓNS, FONTE DA RUPTURA

Coas áreas de goberno xa repartidas, os socialistas consideraron excesiva unha dedicación parcial de 20.000 euros que o candidato do BNG, Eduardo Chao, aspiraba percibir por un 70 por cento da xornada.

Ambos partidos acusáronse entón de romper un acordo que incluía un importe de 30.000 euros por cada formación, a distribuír como quixeren entre os seus concelleiros con dedicación. O BNG insistía nesta última condición mentres que o PSOE fixo fincapé en que o pacto requería que alomenos un concelleiro de cada forza política tivese unha liberación e estivese dispoñible a xornada completa para o Concello.

Os socialistas expulsaron aos nacionalistas do goberno local e no pleno de organización constituíuse un executivo municipal en minoría e sen dedicacións, tumbadas pola oposición. Con todo, a situación semellaba transitoria, dado que o reparto de actas que deixaron as eleccións dificultáballe moito ao PSOE poder sacar adiante un mandato en solitario.

Semanas despois da ruptura, o BNG ofreceu unha rolda de prensa na que chamou a “empezar de cero”, un sinal que foi ben acollido polos socialistas. “Por nós pódese facer borrón e conta nova”, explica Chao despois da asemblea dos nacionalistas. Malia que en principio a fin do bipartito debeuse a discrepancias polas retribucións, o edil da formación frontista cre que haberá que negociar “todo de novo, mesmo as áreas”.

CHAO NEGA A OPCIÓN DUNHA MOCIÓN DE CENSURA

O líder do BNG valadourense sinala que aínda non se puxo en contacto co grupo municipal socialista, “dado que eles son o partido máis votado e actual goberno, e teñen a responsabilidade da súa formación”, expón. Nega tamén que se plantease gobernar co respaldo do PP, dado que “hai un executivo municipal que nin sequera cumpriu os cen días de gracia para pensar nunha moción de censura”.

Pola banda dos socialistas, a disposición é boa para negociar de novo e chegar a un acordo. Maseda salientou que o PSOE “está preparado para todo, mesmo para ir á oposición se se dera o caso”, pero valora o xesto dos nacionalistas de facer un chamamento a empezar de novo. Así, nos vindeiros días retomaranse as negociacións.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...