O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, trasladou aos alcaldes socialistas da Mariña Lucense o seu compromiso “persoal e político” co mantemento da actividade e o emprego na planta de Alcoa en San Cibrao e considerou que o Goberno autonómico debe dilatar a tramitación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía o despedimento de 534 obreiros da planta de aluminio, máis outros 400 de auxiliares.
Tras avanzar na mañá deste venres o seu compromiso de traballar desde a Xunta xunto ao Goberno de España na “intervención” desta fábrica se é necesario para garantir a súa viabilidade, deu a coñecer aos alcaldes socialistas da zona da Mariña a súa folla de ruta para a factoría, nun acto que contou coa presenza da candidata número 1 dos socialistas por Lugo, Patricia Otero.
No acto celebrado en Foz, no que participaron alcaldes e edís dunha decena de municipios da comarca, o tamén secretario xeral do PSdeG avogou por poñer en marcha unha nova política industrial tras once anos de “abandono” por parte do titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.
“Suscitamos un novo tempo que marque unha estratexia de fortalecemento do sector industrial no tecido produtivo en Galicia”, manifestou o socialista, que pediu tamén adaptar o conxunto do sector industrial á crise económica e social que atravesa Galicia.
LEMBRA AS “AXUDAS MILLONARIAS” RECIBIDAS POLA COMPAÑÍA
Nunha intervención na que rexeitou “caer nunha escalada de promesas que non coñeza o funcionamento do marco legal e da realidade económica que existe”, ha incidido en que Alcoa, unha empresa que recibiu “axudas millonarias durante moitos anos”, debe manter o emprego nestas instalacións.
“Os Gobernos teñen que marcarlle un seguimiento intenso para que Alcoa non poida dar un paso atrás no seu compromiso”, sostivo para recordar que, cando esta multinacional anunciou o peche da planta da Coruña, o Goberno do Estado conseguiu que o ERE se dilatase ata seis meses para gañar tempo e buscar “unha solución de viabilidade”. Con todo, os problemas non se resolveron na factoría trala entrada de intereses especulativos.
“Agora a responsabilidade correspóndelle ao goberno da Xunta”, subliñou o socialista, que esixiu á empresa que devolva “as axudas millonarias” se mantén a súa decisión de pechar a planta e que cumpra con todos os requerimentos ambientais, cuestión que implicaría un “importante investimento” na zona.
FALA DE “DOUS PROXECTOS DE INVESTIMENTO”
“Se Alcoa decide abandonar a produción en San Cibrao hai dous proxectos de investimento sólidos, contrastados, de xente que produce aluminio e ten capacidade para manter a actividade, que pode coller esta planta”, sinalou.
Por todo iso, insistiu en que a multinacional tense que comprometer e, se non o fai, debe “abrir” as instalacións de San Cibrao a un novo proxecto que manteña a actividade e o emprego na Mariña.
Sobre esta cuestión, Caballero deixou claro que Alcoa non pode aproveitar para “eliminar a posibles competidores. Nin Europa nin España poden permitir que unha multinacional prefira intentar pechar unha empresa cando hai investidores que a poden manter en activo para eliminar competencia”, sostivo.
En todo caso, deixou claro que sempre a posibilidade da intervención “estará encima da mesa” para manter a actividade industrial e o emprego. “Cumpriremos desde un Goberno socialista na Xunta cunha nova política económica e industrial”, apuntou.
Para rematar, destacou a aprobación este venres por parte do Consello de Ministros do fondo de garantías para as empresas electrointensivas. “O Goberno do Estado está cumprindo e eu non vexo a Feijóo que faga nada”, censurou.
O BLOQUE COMPROMETE UNHA PARTICIPACIÓN PÚBLICA PARA SALVAR O EMPREGO
O BNG arrancou a campaña electoral en San Cibrao, “capital da loita obreira galega e da loita pola industria deste país”, afirmou a candidata nacionalista ao Parlamento galego por Lugo, Olalla Rodil, referíndose as mobilizacións que os traballadores e a veciñanza mariñá manteñen contra o ERE de Alcoa.
Acompañada por todos os mariñaos que forman parte da candidatura nacionalista á camara galega, entre eles o número 2, o ribadense Daniel Castro, Rodil asegurou que “o BNG non vai deixar caer a fábrica de aluminio. Non imos permitir que se destrúa un só posto de traballo nin que se paralice a produción de aluminio no país. A nosa posición é clara. É necesario, urxente e legal nacionalizar a empresa a través dunha intervención pública conxunta da Xunta e do Goberno do Estado”, sostivo.
“Se o BNG lidera o cambio político neste país a partir do 12 de xullo, o primeiro que fará o BNG é poñer enriba da esa unha participación pública para salvar os postos de traballo e a produción industrial en San Cibrao”, compremeteu. “Isto non vai do futuro de ningunha multinacional, de ningunha empresa, senón do futuro de milleiros de familias, da Mariña e do futuro industrial de Galicia”, afirmou Rodil, que responsabilizou da situación ás “forzas políticas estatais”.
OS NACIONALISTAS CENSURAN “O ABANDONO” DA COMARCA
Castro, pola súa banda, fixo fincapé no “abandono” da comarca por parte das administracións. “A alguén lle parece normal que o presidente da Xunta se negue a achegarse a unha comarca que está sufrindo un dos paus máis fortes da súa historia?”, preguntouse. Interpretou esta actitude como “a enésima proba de que non importamos, de que lle damos igual até ao partido que goberna este país”, concluíu Castro, quen lembrou todos os peches industriais que se produciron na última década na Mariña.
TEMA CENTRAL NOS MÍTINES DE GALICIA EN COMÚN E MAREA GALEGUISTA EN LUGO
Desde Lugo, o candidato de Galicia En Común, Antón Gómez-Reino, tamén se referiu ao conflito laboral para cualificar de “película de terror” a política industrial da Xunta e asegurar que se goberna “non deixaremos caer a Alcoa”. Así mesmo, o presidenciable da Marea Galeguista, Pancho Casal, reivindicou a necesidade de “asumir as políticas activas de emprego, competencia que non se está a defender desde a Xunta a día de hoxe”. Deste xeito, salientou “a urxencia dunha intervención na factoría de aluminio por parte do goberno central e a Xunta de Galicia”.