Ao presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto, nótaselle ilusionado. A 863 edición das feiras e festas máis antigas de Galicia ten un sabor especial por moitas circunstancias, como é o 800 aniversario do inicio da construción da Catedral de Mondoñedo, ou a primeira edición dun Festival Intercéltico do que a agrupación organizadora se sinte especialmente orgulloso. Contará, desde as 20.00 horas, coas actuacións de Xabier Díaz, Bras Rodrigo, Gwendal e Lúnasa.
15 MESES DE TRABALLO
Que supón para a Asociación As San Lucas ao organizar unha festa con 863 anos de historia?
Por un lado é unha grande felicidade, pero tamén unha grande responsabilidade, sentimos o peso da historia. Somos herdeiros de moitas xeracións que levan facendo as San Lucas, ou vindo a elas. Por iso pensamos tanto o programa, porque levamos 15 meses traballando para sacalo adiante. Facemos as festas con moito amor e moita paixón, ata o punto de dedicarlle parte da nosa vida, porque traballamos moitas horas sen ánimo de lucro.
Que significan as San Lucas para Mondoñedo?
As San Lucas son un orgullo para a xente de Mondoñedo, que sabe que son o seu principal activo. É unha ledicia ver aos pequenos dos colexios facendo vídeos sobre as festas, ou velos manexar os cabalos na baixada cara a Praza da Catedral. Hai un pícaro de seis anos, Íker, que é xa un xinete cunha soltura impresionante, que dá gusto velo. Iso fainos pensar que o evento camiña con paso firme cara os nove séculos de historia.
As feiras e festas son sen dúbida tradición e cultura, pero cremos que tamén son necesarias innovacións. Sen novidades non durarían 863 anos. Cremos que o estamos a conseguir, e que As San Lucas están nos seus mellores momentos, alomenos se falamos do século pasado e máis deste.
Que diría que distingue a esta festa?
Ten unha personalidade, unha identidade, que a fai única. A xente que vén volve ou polo menos cóntao. O momento da baixada dos cabalos ata a Catedral é unha marabilla, que atrae xente, e tamén é destacable a variedade de atractivos que ten: programamos orquestras, concertos, humor, actos culturais… Pero para min o que a fai especial é a interxeneracionalidade. Ver nenos, pais e avós xuntos a desfrutar da festa, outros van co grupo de amigos, hai ceas e ceas de traballo, de xente que vén comer o polbo…
TRADICIÓN GANDEIRA
E outro dos sinais de identidade é a feira, porque As San Lucas son, primeiramente, unha cita gandeira.
Efectivamente. Este ano o gando foi de moi boa calidade, houbo moitas guías e polo tanto transaccións. Moita xente vén polos premios ás mellores cabezas, pero séguese vendendo e mercando; os gandeiros din, vou levar este exemplar ás San Lucas. Trátase dunha feira gandeira que naceu dun momento de excedente, 863 anos atrás, e que desde o primeiro día se concebiu como importante, dado que Afonso Raimúndez ou Afonso VII concedeu o dereito a ter oito días de festa e advertía de que todo aquel que entorpecese os festexos sería perseguido non só por el, senón tamén polo seu fillo e a súa descendencia, pagando unha suma importante de diñeiro.
As San Lucas seguen a ser unha festa útil para os asistentes, pero tamén para os feirantes. Din que sempre se vende, e iso dános satisfacción.
INTERNALIZACIÓN
E este ano engaden un atractivo, o sábado, o Festival Intercéltico. Con que obxectivo?
A intención é internacionalizar a feira. Cremos que vai vir xente que normalmente non viría. As San Lucas superan fronteiras, iso témolo claro, pero queremos afirmar o seu carácter como un encontro de culturas de raíz celta, probablemente o maior que se deu en Mondoñedo desde o século XII.
Estarán o grupo bretón Gwendal, os irlandeses Lúnasa, o galego Xabier Díaz e o asturiano Bras Rodrigo. O cartel é de luxo, non foi doado conseguilo. Queremos facer de Mondoñedo unha cidade aberta, atlántica e europea.
Ademais, ese mesmo sábado a catedral “axeonllada” cumprirá 800 anos.
Si, ademais faremos ese Intercéltico na Praza da Catedral, que é un engadido; cremos que a propia praza nos estaba pedindo uns concertos así.
Esa mesma noite estrearemos un videomapping; haberá referencias ao noso pasado, á baixada dos cabalos, e tamén á irmandade dos pobos celtas, como referencias ao vento Céfiro, que se dicía que empreñaba as eguas.
LITERATURA
O domingo, o programa ten un importante peso cultural e literario. Entregarán o premio de ensaio Mondoñedo10 e homenaxearán a Noriega Varela polo seu 150 aniversario.
Estamos de acordo niso, as asociacións, o cronista oficial de Mondoñedo, Antón Reigosa, en que somos unha cidade que deu literatos e que a esta tradición literaria debémoslle o seguir cultivándoa, seguir facendo actividades deste tipo. O noso pasado e o noso legado esíxenos. A literatura é un dos activos desta cidade. Tamén lembraremos como e habitual a Pascual Veiga e Pondal e este ano a Alicia Tella-Villamarín, “Alicita”, que faleceu hai uns meses e que era unha persoa moi colaboradora.
O domingo seguiremos cun monólogo de Álex Clavero, que é un monologuista moi seguido, moita xente o escoita polas mañás cando almorza ou de camiño ao traballo en Rock FM.
E imaxino que xa estará pensando na seguinte…
Claro! As San Lucas teñen que ter as suficientes novidades para ser unha invitación a volver ao ano seguinte. E xa estamos niso.
Podes consultar o programa completo das San Lucas nesta ligazón.