O humor, a imaxinación e a cor volveron cotizar alto no desfile de Entroido de Foz, no que participaron máis de 2.000 persoas e que congregou un ano máis na vila a milleiros de espectadores.
Pequenos e grandes, focegos e forasteiros -chegados por suposto da Mariña Lucense, pero tamén de distintas partes de Galicia e tamén da veciña Asturias– puxeron o disfrace para dar vida a unha comitiva do Carnaval que animou as ateigadas rúas ao seu paso.
Presidiu o desfile a Raíña do Entroido, Andrea García Mondelo, e as súas Damas de Honra. Na procesión pagana non faltaron piratas, dinosauros, circos e saloons chegados desde Arizoñasss. Por Foz deixáronse caer artistas como Van Gogh ou divas do pop de onte e de hoxe como Sabrina ou a mesmísima Rosalía, que puxeron ritmo ao evento. Por non faltar, non faltou ata a tumba de Franco, que saíu de paseo ata volver ao cemiterio de Mingorrubio-El Pardo.
RADIOGRAFÍA SOCIAL
En Viveiro, a retranca animou o sábado coas tradicionais Alpuxarradas, que constituíron de novo unha verdadeira crónica social do municipio e da comarca.
A ansiada variante e os compromisos incumpridos de Núñez Feijóo coa infraestrutura; o estado do párking do peirao vello; a situación dos xardíns Noriega Varela ou do Casino, con dardos á alcaldesa María Loureiro; a ausencia de pistas de atletismo nun concello no que naceu un finalista mundial dos 800 metros, Adrián Ben; os tempos de agarda e os déficits nos servizos da sanidade pública, ou a incerteza que planea sobre o complexo industrial de Alcoa foron algúns dos temas sobre os que a veciñanza se expresou. O desfile, o vindeiro martes.
ESTE DOMINGO TÓCALLE A CERVO, BURELA E O VALADOURO
Burela, Cervo e O Valadouro tamén celebrarán este domingo os seus desfiles de Entroido.