IniciosociedadeO coronavirus altera a axenda na Mariña

O coronavirus altera a axenda na Mariña

A epidemia obrigou a suspender eventos como a Festa do Ourizo, mentres que o Mercado de Primavera ou a Semana Santa dependerán da evolución da mesma

Publicada o

- Advertisement -

A situación con respecto á epidemia do coronavirus non cambiou este mércores na provincia de Lugo, onde se contabiliza segundo fontes oficiais un único caso positivo por esta doenza, o dun veciño de Foz que permanece illado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Dous familiares do afectado permanecen en observación, un dos cales está pendente de confirmación dun segundo test -tras unha primeira proba positiva- por parte do Centro Nacional de Microbioloxía.

Ademais, sete traballadores do Hospital Público da Mariña permanecen nas súas casas tras atender á persoa infectada o pasado domingo. Ficarán illados por un período aproximado de dúas semanas.

Malia que por agora, segundo a información oficial, a incidencia do coronavirus é pequena, as autoridades sanitarias recomendan precaución. A Consellería de Sanidade aconsellou a suspensión daquelas actividades ou eventos nas que poida haber un aforo superior ao milleiro de persoas.

Trala recomendación, o Concello de Cervo suspendeu o pasado martes todas as actividades relacionadas coa Festa do Ourizo, declarada de Interese Turístico Galego, unha decisión da que informou nunha reunión á hostalería local.

Este mércores desatouse unha cascada de aprazamentos. O goberno local de Foz, aprazou sine die a comida de maiores prevista para o 21 de marzo, ademais dos bailes de maiores da fin de semana na Sala Bahía. A corporación focega reuniuse esta tarde para transmitir unha mensaxe de tranquilidade.

A SEMANA DO DEPORTE DE BURELA OU A FOLIADA DA MARIÑA DE XOVE, ADIADAS

A asociación A Ribeira tamén deu marcha atrás á cuarta edición das Xornadas de Pesca que organiza, que se ían celebrar o sábado, para ser “cautos” ante a emerxencia sanitaria.

En Mondoñedo, para sábado e domingo había prevista unha concentración moteira, pero o Moto Club Ruta 634 decidiu suspendela pola “emerxencia sanitaria” do coronavirus. Tamén en Barreiros e Xove se adiaron eventos; no municipio barreirense, o xantar benéfico para recadar fondos para a loita contra o cancro, programado para o 28 de marzo, será aprazado; no xovense, a décimo quinta Festa do Lacón e Foliada da Mariña, que se ía celebrar este sábado, foi cancelada.

En Burela, o goberno local informou da suspensión da Semana do Deporte, prevista para abril.

O MERCADO DA PRIMAVERA, POR DECIDIR

Outros eventos dependerán da evolución da epidemia. O Concello do Valadouro emitiu un comunicado no que precisou que aínda non tomou unha determinación sobre o Mercado da Primavera, o 28 de marzo.

“Permaneceremos atentos ás informacións oficiais do seguimento do COVID-19 que o
Ministerio de Sanidade e a Consellería fagan nos próximos días seguindo a evolución
dos acontecementos e tomaremos a decisión máis adecuada para os intereses dos
nosos veciños e veciñas, tanto a nivel sanitario como económico e social”, expuxo o goberno local valadourense, que anuncia que “continuará os contactos” coas Administracións e que “informará” sobre as novidades.

BULO VIRAL SOBRE UNHA SUPOSTA CANCELACIÓN DO RESU

Ao longo do día tamén trascenderon bulos, como un que deu por cancelado o Resurrection Fest, ata o punto de obrigar á organización a colgar un post nas redes sociais no que confirma que por agora non hai cambios sobre a data prevista para o décimo quinto festival, en Viveiro do 1 ao 4 de xullo.

LOUREIRO CRE QUE XUNTA E MINISTERIO DEBEN PRONUNCIARSE SOBRE A SEMANA SANTA

Con respecto á Semana Santa, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, afirmou que o goberno local está “en alerta e pendente” da evolución do coronavirus e do que “digan as autoridades competentes” para decidir se se suspende unha celebración de gran impacto económico e que o ano pasado congregou a unhas 40.000 turistas na Cidade do Landro.

“O primeiro é a saúde; contemplamos a posibilidade pero cremos que é unha decisión, dado que Viveiro e Ferrol son declarados eventos turísticos internacionais, que precisa dos técnicos da opinión dos Gobernos autonómico e español”, asegurou. Loureiro remarca que hai outro evento previsto para o 3 de marzo en Celeiro, no que actuará entre outras formacións a orquestra Panorama, que podería suspenderse dado que se agarda a “5.000 persoas”.

Loureiro precisou que no Concello xa se están a implantar medidas contra a epidemia, como anular a fichaxe táctil e habilitar útiles para desinfectar as mans nos inmobles públicos. O mesmo ocorre en Ribadeo, onde o executivo municipal dispuxo dispensadores de solución hidroalcólica e carteis informativos na residencia, consistorio ou escola de música, entre outros edificios.

SEN COMPETICIÓNS DEPORTIVAS

No tocante ás competicións deportivas, adiaranse as competicións en atletismo, fútbol, baloncesto ou fútbol sala, con total probabilidade tamén nas outras disciplinas. No tocante ao futsal, onde A Mariña conta con dous equipos, o feminino e o masculino do Pescados Rubén Burela FS, na Primeira División, os encontros adiaranse segundo a decisión da Federación durante dúas semanas -desde o 12 de marzo- no ámbito estatal.

O cadro masculino ía recibir a O Parrulo (día 21), mentres que o feminino, a vindeira fin de semana, esperaba ao Ourense Envialia nun partido crucial polo segundo posto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...