Os Concellos adían eventos, pechan edificios públicos e reducen ao básico os servizos polo coronavirus

Suspéndese o Mercado da Primavera ou as visitas á Cova do Rei Cintolo; os gobernos locais piden evitar aglomeracións e realizar na medida do posible os trámites telematicamente

Desfile no Mercado de Primavera. AXM

Malia que polo de agora na Mariña Lucense a epidemia parece contida, con dous positivos -unha parella de Foz que permanece illada, o home no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e a muller no seu domicilio-, os únicos dous casos confirmados da provincia de Lugo, a precaución imponse para evitar a propagación da doenza.

Tras decretar a Xunta a suspensión das actividades nos centros educativos galegos a partir do vindeiro luns, coa recomendación de que as familias non leven as crianzas á clase xa desde este venres, e co consello de evitar eventos nos que se poidan congregar máis de 50 persoas, os gobernos locais clausuraron as actividades deportivas, culturais e sociais ademais de practicamente todas aquelas instalacións que non teñan que ver cos trámites imprescindibles da administración.

Por agora, segundo datos oficiais, contabilízanse 64 casos de coronavirus en Galicia, a maioría con seguimento domiciliario.

Ademais dos dous únicos casos positivos confirmados, sete sanitarios do Hospital Público da Mariña permanecen illados por precaución despois de tratar ao primeiro afectado.

BURELA

En Burela quedan suspendidas todas as actividades organizadas polo Concello, entre as que se atopan as culturais, as destinadas ás persoas maiores e aos estranxeiros, entre outras. Tampouco haberá escolas deportivas e nas vindeiras horas decidirase se se pecha a biblioteca municipal. Polo momento mantense o mercado semanal previsto para mañá venres. O alcalde, Alfredo Llano, fai unha chamada á tranquilidade e á responsabilidade da poboación.

O rexedor burelés explicou que “hoxe preguntábanmos se en Burela imos ter o mercado do venres. Eu entendo que en principio si, que non debemos cerrar os mercados como tampouco os supermercados nin nada diso, senón que debemos preocuparnos de que a xente teña facilidade para abastecerse, para mercar alimentación e aqueles outros produtos necesarios. Non podemos parar a actividade económica, polo menos de momento. Por tanto imos manter o mercado mañá porque é unha actividade que se fai ao aire libre e que non ten grandes concentracións en puntos concretos, aparte de facer unha función extraordinaria en alimentación e nos servizos que presta. Por iso non vamos anulalo, en principio”, concretou.

CERVO

En Cervo, onde o Concello xa suspendeu todas as actividades relacionadas coa Festa do Ourizo, de Interese Turístico Galego, desde o vindeiro venres (incluído) suspéndese a actividade nos seguintes ámbitos: Escolas Deportivas Municipais, talleres de teatro e memoria, cursos da piscina, e as actividades culturais, sociais e deportivas previstas desde a administración local e/ou desde as distintas asociacións.

As bibliotecas, a casa do mar, o Ecomuseo, os locais sociais, o complexo deportivo da Veiga, a escola infantil (desde o luns, pero coa recomendación de que as crianzas non asistan este venres) ou a piscina (pechada desde o sábado) tamén permanecerán clausuradas polo coronavirus. Manteranse servizos básicos como o SAF ou o as oficinas do consistorio e da casa da cultura, coa petición de que se realicen, na medida do posible, os trámites de xeito telemático (info@concellodecervo.com ou a través da sede electrónica).

FOZ

En Foz, o Concello pecha doce instalacións municipais do 14 ao 28 deste mes. Anunciouno este xoves o alcalde, Fran Cajoto, a través dun bando.

Cajoto especificou que “van quedar pechados ao público o Centro de Día de Foz, a Escola de Música Arcadio Mon, a Casa da Cultura, o Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo, o pavillón de Marzán, o campo de fútbol de Malates, a piscina municipal, a Casa da Xuventude, o Cenima, a Sala Bahía, as salas de usos múltiples do edificio de Asuntos Sociais e o roupeiro municipal. Isto terá efecto a partir desde sábado, día 14”, precisou.

O alcalde engadiu que “aparte do xa anunciado, de que se apraza a comida de maiores do 21 de marzo e se suspenden os bailes dos domingos, tamén quedan de momento paralizadas as actividades e cursos socioculturais que estabamos dando nos distintos centros, tamén as escolas deportivas municipais, as actividades que estaban programadas para o Mes da Muller, a xornada de entrega e difusión de composteiros que estaba prevista para o próximo martes e tamén a exposición ‘Somos migrantes, abrimos camiños‘ que está na Casa da Cultura”.

O rexedor municipal explica que “son medidas preventivas para evitar aglomeracións de xente en servizos municipais que non son básicos, pero seguen abertas as dependencias cos rexistros, pero rogamos que na medida do posible a gran cantidade de trámites a xente que teña medios informáticos que os faga a través da sede electrónica para evitar os desprazamentos que non sexan necesarios”, argumentou.

Ademais, Cajoto incide en que “sempre se atendan as indicacións das autoridades sanitarias e que en caso de dúbida se chame ao teléfono habilitado polo Sergas, o 900.400.116, ou se se presenta algunha sintomatoloxía, segundo indican os médicos, ao 061”.

MONDOÑEDO

Ante as medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á expansión do coronavirus, o Concello de Mondoñedo tomou a decisión de suspender as visitas guiadas á Cova do Rei Cintolo, un dos templos da espeleoloxía en Galicia.

Trátase da cova natural máis grande de Galicia, con máis de 6.500 metros de lonxitude, e ata agora unha parte da súa estrutura laberíntica podía percorrerse mediante visitas guiadas.

Con todo, o goberno local de Mondoñedo, segundo informou o seu alcalde Manuel Otero, tomou a decisión de suspender as visitas guiadas á cavidade como medida de prevención ante a expansión do coronavirus.

Trátase dunha medida, aclarou, para velar pola saúde das persoas que visitan a cova, pero tamén para protexer o propio espazo natural, que podería verse deteriorado se, no caso de que se detectase un caso de coronavirus, houbese que realizar algún tipo de proceso de desinfección.

Debido á evolución dos acontecementos, o equipo de goberno mindoniense decidiu suspender temporalmente todas as actividades culturais, sociais e deportivas previstas no municipio, incluídas a escola de música ou servizos como a biblioteca. Ademais, recomenda facer as xestións coa Casa do Concello de xeito telefónico (982.52.40.03) ou telemático (concellomondonedo@gmail.com). Si continuará aberta a Praza de Abastos.

O VALADOURO

Outro dos eventos frustrados polo coronavirus será a décimo cuarta edición do Mercado de Primavera, que queda aprazado a unha data que se estudará en canto cese a fase de contención do COVID-19 e se den as condicións sanitarias oportunas.

“Nestes momentos as medidas anunciadas polo Ministerio de Sanidade e a Xunta de
Galicia son para 14 días, pero tendo en conta a loxística e organización que convela o
Mercado de Primavera, tanto para o Concello como para diversos sectores da nosa vila,
entendemos que o aprazamento é a medida máis axeitada, evitando o maior impacto
posible tanto económico e social”, argumenta o Concello.

“En canto cese a fase de contención estudarase unha nova data dacordo con tódolos
medios e actividades contratadas para o Mercado de Primavera, evitando o maior
impacto económico”, explica o goberno valadourense.

Para a información a empresas relacionadas e expositores autorizados estará dispoñible o teléfono 982.57.15.16 en horario de 9.00 a 15.30 e de 16.00 a 20.30 horas.

RIBADEO

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, pide tranquilidade e calma á veciñanza fronte ao coronavirus e anima a seguir as indicacións para evitar contaxios realizadas polas autoridades sanitarias.

Polo de agora, o rexedor manifestouse “á espera” da reunión entre Xunta de Galicia e Fegamp para tomar decisións á hora de clausurar actividades e eventos ou servizos municipais”.

TRABADA

En Trabada, o goberno optou tamén por “suspender as actividades ou eventos de toda índole (deportivos, culturais ou sociais) nos que se poidan concentrar colectivos de persoas numerosas ou de risco”, ademais do Punto de Atención á Infancia (PAI), cunha duración de 17 días. O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) manterase “extremando as medidas de precaución” recomendadas polas autoridades sanitarias.

VIVEIRO

Tamén preocupa na comarca da Mariña o futuro da Semana Santa de Viveiro, declarada de Interese Turístico Internacional.

Por parte do goberno local “non se descarta” unha posible suspensión, aínda que o Concello de Viveiro é partidario de “esperar” e “ir vendo” como evoluciona a situación, antes de tomar unha decisión con tanta repercusión na localidade.

As actividades culturais paralelas á Semana Santa, contidas no programa Adral, si quedan adiadas.

O goberno local suspendeu as actividades deportivas e culturais que estivese previsto celebrar en instalacións municipais, tanto as organizadas polo propio Concello como por asociacións ou entidades. Procederase ademais ao peche das seguintes instalacións: centros sociais e locais sociais, piscina, biblioteca, instalacións deportivas, teatro, conservatorio, Uned, oficina de turismo e gardería municipal.

Esta suspensión comprenderá dende o sábado día 14 de marzo, incluído, ata o día 29 de marzo. Polo momento mantense a actividade administrativa ordinaria, así como o resto de servizos municipais que non resulten afectados por esta suspensión.

XOVE

En Xove, o Concello emitiu un bando no que advertiu do peche de todas as instalacións municipais e actividades socioculturais a partir do vindeiro luns (piscina e ximnasio, centro xuvenil e de maiores e biblioteca tampouco terán actividade desde mañá venres).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here