IniciosociedadeSanitarios da Mariña contan o vivido: "decátaste de que nun intre podes...

Sanitarios da Mariña contan o vivido: “decátaste de que nun intre podes perder todo, a mobilidade, a vida…”

Dous médicos, unha enfermeira e un técnico de ambulancia relatan experiencias, medos, frustracións e satisfaccións experimentados nos dous meses de maior incidencia da pandemia

Publicada o

- Advertisement -

O Hospital Público da Mariña leva máis dunha semana libre de coronavirus e o centro hospitalario de Burela tenta pouco a pouco recuperar a actividade normal, despois de replegarse para conter a pandemia. Ao igual que os mariñaos, que saen ao sol logo do confinamento duro realizado para evitar contaxios. Agora que percibimos un risco menor e que en ocasións parecemos esquecer as consecuencias do virus e a propia ameaza dun rebrote, o Xornal da Mariña consultou a varios sanitarios para que relatasen o vivido ao longo dos últimos meses.

Francisco Pintado, xefe da Unidade de Coidados Intensivos (Uci) do hospital; o anestesiólogo Quico Muñoz; María José Franco, enfermeira da planta de traumatoloxía, onde se tratou o Covid-19; e Camilo Vázquez, traballador da ambulancia medicalizada do 061 de Foz, explican a súa experiencia. “Nunca vivimos nada igual”, sosteñen.

O COMEZO

O 17 de marzo ingresou o primeiro positivo no Hospital Público da Mariña.

Confusión. Ninguén chegou a pensar que viviriamos isto. Había sospeitas, eu era escéptico e estaba preocupado, sobre todo cando vin a maneira de actuar de China. Tanto a OMS como as autoridades aquí dubidaban de que poidese ter un impacto grave, incluso nas actividades económicas. Cando explotou quedamos sorprendidos, porque quizais todo o mundo estaba confundido. O xiro foi cando o Covid-19 chegou a Italia.

Os primeiros días foron caóticos. As informacións que chegaban eran contraditorias, os protocolos cambiaban practicamente día a día, vías que se achegaba o virus, coa gravidade do que ocorreu en Madrid ou Italia, pero non sabías a magnitude que ía ter aquí. Ao principio si que é certo que se viviu un ambiente de traballo complicado, pero fomos sacando as cousas para diante. (Q. M.)

A tensa espera. Os primeiros días estivemos agobiados. Que tardasemos en recibir hospitalizados axudou a organizarse, pero ese período de espera no que sabes que vai pasar algo pero non pasa, vendo o que che contaban familiares e colegas de Madrid, aquelas cousas tremendas, daba ansiedade e medo: o que pasou nos epicentros da pandemia debeu ser dantesco, o inferno na terra.

Non saber a magnitude do que podía pasar era duro. Cando soubemos daquel autobús de Fátima e de outros focos na bisbarra, si que nos preguntamos algunha vez como ía acabar todo. (F. P.)

O material. O problema ao principio, ata que se reubicaron os pacientes e se distinguiu entre probables e Covid-19, foi a xestión dos casos posibles, porque había que desvestirse e vestirse por cada un deles, para evitar contaminarse e contaminalos. Cos positivos non había esa dificultade. Así que tentabamos entrar as menos veces posibles para non gastar equipos de protección individual (EPIs), porque se nos instaba a aforralos para que non houbese mal uso, por medo a que se acabaran. Iso era duro: as familias non estaban e neses momentos pensas que non podes estar cos pacientes todo o que deberas. Eu sentín moita presión de non gastar EPIs; non faltaron, pero si que tiñamos que dar contas, iso é frustrante cando estás dando todo no teu traballo.

Coas máscaras ocorreu o mesmo, ao principio non se consideraron unha medida básica preventiva e xerou moita ansiedade ver a cantidade de compañeiras que se infectaron en medicina interna. Había moita tensión, entre o medo a coller o virus e pasalo a outro paciente. (M. J. F.)

Nas ambulancias. Elaboramos protocolos moi estrictos para evitar contaxios, porque á fin somos a primeira liña de batalla; nós imos ás casas dos pacientes, pasan polas nosas mans antes de chegar ao hospital. Vivímolo con moito estrés.

Iamos vestidos a todo para estar preparados en calquera situación. É complicado porque tes menos visibilidade, súas… Había que poñer mono, gafas, máscaras, luvas, facer unha limpeza moi exhaustiva da ambulancia… Foi un desgaste enorme.

O PICO

O Hospital Público da Mariña chegou a recibir no seu pico de coronavirus, segundo os datos do Sergas, a 23 pacientes o 2 de abril, cun pico de Uci de cinco doentes. Daquela había tamén varios enfermos considerados probables, o que aumentou a presión asistencial.

As primeiras altas de pacientes en planta foron o tres de abril, e na Uci o día 13 dese mesmo mes.

Cinco persoas faleceron na Mariña Lucense con Covid-19, ademais dun doente ingresado polo virus e que superou a doenza na Uci de Burela, pero que xa non se recuperou.

Foron un maior da vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, de Ribadeo, de 83 anos; un varón de 90 anos; un residente de Betania (Viveiro), de 87 anos; unha usuaria da residencia de Foz, de 89 anos; e un home de 68 anos.

Alomenos 30 sanitarias resultaron infectadas polo virus.

O lugar máis seguro, ‘a zona cero’. O máis complexo foi a preocupación de non contaxiarte, xa non a ti, senón tamén á túa familia. Iso era o que máis nos preocupaba. O EPI faise duro levalo, especialmente para auxiliares e enfermeiras, porque oito horas con ese traxe é un esforzo físico: o que súas, as marcas que che produce… Os médicos estabamos con el como moito unha ou dúas horas. A preocupación á hora de poñer ben o EPI, porque era importante para evitar contaxios, supuña un desgaste. Logo, tamén, dabaste conta de que en ocasións estabas máis seguro na zona cero, onde sabías que estaba ‘o becho’ pero tiñas todas as medidas de seguridade, que noutras zonas do hospital onde andabas menos protexido.

Cando comezas a traballar normalizas practicamente todo, habitúaste ao manexo complicado deste tipo de pacientes. (Q. M.)

Ata oito traslados de positivos nun día. Tivemos unha ambulancia específica de Covid-19 para evitar ter que facer desinfeccións e non ter urxencias “suxas”. Este vehículo levaba os pacientes estables, para os graves estaba a medicalizada. Os compañeiros fixeron un traballo espectacular, con picos de ata oito traslados nun día e botando ata oito ou nove horas vestidos, co que iso implica.

A miña ambulancia só fai patoloxías tempodependentes, aquelas nas que a vida do paciente corre perigo. Entón danse situacións como que te chamen por un infarto dunha persoa e ti, tendo que poñer toda a vestimenta, ralentizas inevitablemente un pouco a atención. Iso é duro, porque sabes que un minuto máis ou menos para chegar a unha persoa é importante. (C. V.)

Os tests. Había preocupación porque non se nos facían tests. Eu tiven algúns síntomas e non se me considerou candidata porque non tiña outros indicios habituais do coronavirus. Duraron dous ou tres días e quizais era outra cousa, pero cando estás traballando como o fixemos moléstache pedilo e que non se che faga. (M. J. F.)

Primeiras altas na Uci. Sacar os primeiros enfermos da Uci, entre eles unha compañeira que estivo 30 días, foi emocionante e deunos moitos ánimos para traballar. A estancia media en Uci estivo, a nivel español, entre 24 e 25 días. A resolución dos problemas pulmonares son complicados e era difícil quitalos da unidade de críticos, pasaban máis tempo ca cunha neumonía. Nós tivemos cinco pacientes e só perdimos un, que xa superara o virus aínda que a súa situación complicouse e xa tiña unhas dificultades moi severas a nivel pulmonar.

A xestión no hospital foi bastante boa desde o meu punto de vista, fixéronse circuítos diferenciados para os enfermos, e na Uci chegamos a ter protocolos para ata 15 ou 20 enfermos. (F. P.)

OS PACIENTES

A situación dos pacientes Covid-19 foi singular ao non poder estar acompañados das súas familias e polo medo ás consecuencias do virus ao non haber vacina.

A chegada ao domicilio. En moitos casos, o persoal da ambulancia fomos o primeiro contacto co paciente. Os Covid-19 eran pacientes desorientados, con tos intensa, nalgún caso incluso con dor a nivel torácico. Levo 22 anos traballando e é difícil ter que aprender a tratar aos pacientes doutra forma, máis frío. Tentas ser todo o humano que podes, malia que só ven unha máscara. Unha parte do noso traballo, fundamental, é a empatía co paciente, para que el confíe en ti.

As familias preguntaban: “vou detrás vosa, que fago?”. A recomendación é que quedaran na casa. Son momentos difíciles, nos que a xente non pode ir onde quere e sinte que a precisan, vense abaixo e empeza a chorar, tamén por toda a información que mamamos as persoas relacionando coronavirus coa morte. No caso dun paciente que faleceu, estaban na vivenda varios familiares e percibíase como se daban conta de que a cousa non ía ben, como presupuñan que o desenlace podía non ser bo. (C. V.)

A distancia obrigada. O trato co paciente era difícil. Parecía que levabas unha escafandra e non te recoñecían, non sabían se eras a mesma persoa que entraras antes ou outra. Mesmo asustábanse, porque ao vernos con tanta cousa enriba, case como se fosemos astronautas, pensaban no peor. Tentabamos explicarlles que a situación non era grave, que só tentabamos previr contaxios, pero resultaba complicado.

O medo. Tiñan medo a morrer, máis ca outros pacientes que padecen enfermidades moi graves. Algún dicíache: “se cerro os ollos teño medo de non abrilos”. Outros crían de que se ían para a Uci non ían saír. Houbo unha paciente que me dixo que tiña factores de risco, como se telos fose unha sentenza, porque entendía que por iso non se ía recuperar.

A ponte co mundo. Viviron momentos solitarios, a pesar de que tentamos apoialos e darlles todo o mimo que poidemos. Púñamoslles videochamadas coas familias; na Uci había unha tablet, e tamén o facíamos desde o teléfono da habitación. Enfermeiras e auxiliares fixemos de ponte porque non tiñan outra, nós eramos a conexión co mundo. Viviron unha soidade moi dura, ao principio tentabas entrar o menos posible para non contaxiarte ou contaxiar, e tentabas falarlles desde a porta.

A diagnose. Cando lles daban o resultado da proba e lles dicían que era coronavirus choraban de puro medo a que lles pasase algo. Relacionaban coronavirus con morrer, cando algúns tiñan unha gripe forte ou unha neumonía leve. Non é comparable, por suposto, pero era similar a cando mencionas a palabra “cancro”; ata que cho din, todo vai ven, cando cho din, todo se cae. O nome asusta. (M. J. F.)

Da planta á Uci. Os pacientes que viñan á Uci viñan levando varios días ingresados chegaban cada vez máis fatigados e padecendo problemas respiratorios, vían que non melloraban, que lles custaba respirar… Cando lles diciamos que os iamos durmir, por un lado asustábanse, mirábante pensando que podían morrer, pero por outro sabían na necesidade de eliminar ese sufrimento. Estaban entregados, como dicindo: “dúrmeme e que sexa o que Deus queira”. (F. P.)

AS FAMILIAS

Os médicos coinciden en que informar ás familias do estado dos pacientes por teléfono foi do máis complicado.

Transmitir humanidade por teléfono. O contacto coas familias foi moi complicado, nunca vivimos algo así. Non poder humanizar o trato con elas foi duro, ter que dar a información vía telefónica. Unha mirada aos ollos di todo, poñer unha man no ombreiro, cambia completamente a mensaxe que reciben. Ademais, pola propia dinámica do traballo, nunca chamabas á mesma hora e iso xera inseguridade, crea incerteza de esperar as novas. Se para nós era duro non me imaxino como tivo que ser para eles. (Q. M.)

Unha experiencia sen parangón. Levo 33 anos en Burela. Vivimos días complicados coa Gripe A, pero isto non ten parangón. Foi distinto a calquera cousa. A lonxanía cos familiares, o frío que resultaba todo, era moi duro. (F. P.)

A CASA

A falta de descanso afectou aos sanitarios ao longo de dous meses de tensión e traballo duro. Nas súas vivendas, o refuxio habitual, era imposible abstraerse: “moitas veces sentimos que estabamos mellor traballando ca na casa”, afirman.

“Estamos a ofrecerlle á dirección dobrar quendas, renunciando aos descansos que nos corresponderían, cousas que na vida normal serían impensables, porque por suposto tamén nos gusta ter a nosa vida, en parte porque cando traballamos sentimos menos peso emocional”, relataba unha enfermeira no inicio da pandemia. 

Sen desconexión. Non desconectabas na casa. Ademais, como todo era tan descoñecido, desde os tratamentos e os protocolos, chegabas do hospital e ás veces tiñas que poñerte a estudar, revisar material e información médica por webinar ou da maneira que puideses. Eu andaba separado da familia e sempre con máscara. Botas de menos o contacto cos nenos e coa parella, é duro durmir illado ou comer só. Houbo compañeiros que se chegaron a ir das súas vivendas ata que se normalizase un pouco todo. (Q. M.)

O confinamento. Houbo compañeiras que se foron de lonxe dos familiares para non contaxiarse ou contaxiar. Eu quedei co meu home e o meu fillo de tres anos. Levábamolo fatal, os tres nun piso pequeno. Vas preocupada e mal para a casa. Cando todo vai ben, abres a porta e esquéceste do traballo, pero cando a xornada é complicada non. (M. J. F.)

O EQUIPO

Os sanitarios sosteñen que a singularidade do vivido e a implicación do persoal creou un vínculo igual de especial.

Sen categorías. O mellor foi que os traballadores fomos pouco a pouco atopando métodos para organizarnos e sacamos adiante esta situación. Fomos todos a unha, non había categorías, diferenza entre enfermeiras e auxiliares, mesmo respecto aos médicos, que tiveron un comportamento xenial. Houbo internistas que para non dar voltas se puxeron a comprobar a diuresis dos pacientes. É o mellor que me levo disto.

“O xogador número 12”. Tivemos moitos agradecementos dos pacientes e das familias. E moita sorte coas doazóns: gafas de Alcoa, dunha óptica de Xove, Ortopedia da Mariña, de Carolina Herrera Coruña, que nos fixo batas lavables… De moita xente. (M. J. F.)

Entrega. As enfermeiras, auxiliares, celadores… Foron os que levaron o peso e ás veces con carencias. Nós somos sete anestesistas e non podiamos expoñernos ao virus máis do necesario, polo que apenas tivemos o contacto xusto cos pacientes. Unha compañeira miña de Uci tivo que entrar a tratar un doente a peito descuberto, sen poñer o EPI e cunha máscara normal, porque se puxo malo moi rápido e non daba tempo a poñer protección. (F. P.)

O risco. Foi unha montaña rusa de emocións e de sentimentos. O medo é moi cruel e ás veces leva a friccións e discusións. Pero primou o compañeirismo. Nós nunca traballamos vendo perigar a nosa saúde ou a nosa vida, nunca nos espuxemos a un risco así. Iso fixo que foramos todos a unha. O equipo humano que hai no hospital é moi bo. (Q. M.)

AS SECUELAS

A ansiedade e a imposibilidade de durmir foi a tónica predominante durante o pico de traballo. Os psicólogos alertan das cicatrices que poden padecer os profesionais nos tempos vindeiros, especialmente pola fatiga mental.

Medicación. Estou tomando medicación para durmir desde mediados de abril. Non podía pegar ollo. Psicoloxicamente acabei con moita ansiedade. Agora hai que tentar pasar páxina. (M. J. F.)

Pesadelos. Tivemos noites nas que incluso soñabamos, descansabas peor. Sufrimos pesadelos practicamente todos. É certo que nós traballamos por quendas e iso altera o sono, pero penso que se debía á cantidade de información que tiñamos na cabeza, porque o tema estaba na tele e en todos os lados e tamén porque ao principio, como profesional, tamén queres aprender sobre un virus que é novo.

Soñabamos con familiares que enfermaban, ou que iamos de casa en casa na ambulancia recollendo enfermos. (C. V.)

“NOVA NORMALIDADE”

Os profesionais alertan de que a do coronavirus “é unha carreira de fondo” e que probablemente, só acaba de comezar. Por iso instan á responsabilidade social para previr rebrotes.

Relaxación. Houbo moito medo entre o persoal, as familias, os pacientes… Contrasta un pouco coa baixada de garda que vexo na xente. O virus non se foi, a prevalencia é mínima. Eu recomendaría que se mantivese o distanciamento persoal, o uso de máscara onde non se poidan garantir os dous metros de distancia, non abusar do contacto físico… Cando se comezaron a relaxar as restriccións e ves algunha xente imprudente, mentres ti expós a túa saúde en primeira persoa, resúltache irresponsable.

É certo que nos gusta socializar e que hai que apoiar a reactivación da economía, e eu o primeiro, pero con sentidiño, como se di aquí en Galicia. (Q. M.)

Volven as chamadas “banais”.  Presupoñemos que vai ser un inverno difícil, no que a maioría dos expertos na materia nos indican que hai que estar preparados para un rebrote. No confinamento duro notamos que baixou moitísimo o traballo, que a xente colleu moito medo. Pero agora estase relaxando e chama por situacións que se poderían aforrar, situacións banais. Iso dános rabia porque nós estámonos xogando a saúde.

Tamén notamos que se incrementaron as saídas por patoloxías coronarias, non sabemos se pode ser pola falta de actividade física. (C. V.)

O efecto nos pacientes. Está por ver que efectos a longo prazo pode haber. Vas notando cando pasan, non sabemos se van ter algún tipo de complicación, de aquí a un ano poderemos ter máis información.

Organización. A nova organización do hospital chegou para quedarse: o circuíto de urxencias independente, o quirófano habilitado en exclusiva para enfermos de coronavirus… O nivel de prevalencia foi pequeno e en outono pode haber algún repunte, estamos todos practicamente susceptibles en Galicia de poder infectarnos. Non hai vacina así que temos que ser moi precavidos. Agora hai que levantarse, porque a atención a outras patoloxías foi do 30 ou 40% durante este período, o máis urxente e básico, e temos que estar canto antes a pleno rendemento. (F. P.)

LECCIÓNS

Que aprendizaxe extraeron destes dous meses? Cambioulles a perspectiva sobre o seu traballo, sobre a súa vida?

A perda. Levas unha parte ingrata. Un dos pacientes que tratamos faleceu e tivemos un contacto moi íntimo coa súa familia, principalmente coa súa filla. Todos quedamos apenados e foi un vínculo moi especial. Estamos acostumados a tratar con pacientes moi graves, pero o grao de implicación e de empatía que chegamos a desenvolver todos foi diferente. Sempre o lembraremos cando nos xubilemos.

Traballos esenciais. É unha experiencia dura pero tes que tentar sempre sacar a parte positiva, o que poida ser enriquecedor. A min serviume para valorar o traballo en equipo, o lado humano de moita xente.

Penso que saímos reforzados, porque ves a valía e a importancia do teu traballo. A todo o mundo lle gusta que o seu esforzo se vexa reflectido en positivo. (Q. M.)

Limitacións. Levo desde o 2010 como enfermeira do Sergas, son temporeira. Isto fíxome replantexarme o meu traballo, non como oficio senón cara o sistema sanitario. As limitacións foron frustrantes e nunha pandemia os profesionais non deberamos telas, senón que nos dean facilidades. (M. J. F.)

A vida cambia. Para min a cuestión sanitaria é vocacional e estou facendo enfermería. É o meu modo de vida. Comecei no 1998 e desde entón cambiou moito para ben o nivel deste servizo, os condutores de ambulancia temos máis traballo de formación detrás. Expuxémonos ao risco, pero facémolo porque aceptamos que vai co noso oficio e se traballamos disto é porque queremos axudar.

A lección é que criamos que tiñamos todo e todo se perde nun momento, a liberdade de movemento, a vida. Pódoche asegurar que aos sanitarios cambiounos a forma de pensar, completamente. (C. V.)

Medios. A lección que quito é que a vida cambia de repente, que de súpeto cambia todo, foi como un bofetón. Sen politizar un debate que creo que está por riba de partidos e siglas, si que diría que a sanidade, desde a crise de 2008, foi un pouco o pato feo, aforráronse prazas, camas e recursos. Iso nun momento complicado puido servir para aforrar recursos, pero agora penso que se ve que temos que estar preparados para un rebrote e ter máis medios, porque isto non acabou. (F. P.)

DESCOMPRIMIR

Que farán nos momentos de descanso, que lles tardaba facer?

A bici. Hoxe saín en bici. Levaba dous meses sen saír de Burela e puiden ir polo Valadouro, Alaxe, desfrutei como un enano. E no Hospital volve reinar o bo ambiente. É un centro de traballo agradable, subes traballar contento.

Cando deixe de falar contigo sairemos a dar un paseo en familia e tomar algo nunha terraza. (Q. M.)

Liberdade. Pasear fóra, polo campo, ao pé do río, ir á casa de meus pais para encontrarme con eles. Deixar correr ao neno libre. (M. J. F.)

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...