InicioOrientalA PontenovaA residencia da Pontenova continúa pendente da licitación das obras de construción

A residencia da Pontenova continúa pendente da licitación das obras de construción

Publicada o

- Advertisement -

Son dous obxectivos irrenunciables para os gobernos locais, que fixaron os centros de maiores como a principal meta da presente lexislatura, pero as residencias de Ourol e A Pontenova deberán agardar. A Deputación de Lugo expón que o xeriátrico pontenovés, cunha tramitación máis avanzada, continúa pendente da licitación do proxecto de construción, que o ente provincial espera aprobar “nas vindeiras semanas“. No caso do servizo do municipio ourolés, non hai data para concretar os seguintes pasos, unha vez foi asinado o convenio co Concello para a reforma do colexio.

Fontes de San Marcos oncretaron que se está a traballar na licitación das obras da residencia da Pontenova, que “previsiblemente se aprobará en Xunta de Goberno nas vindeiras semanas”. Neste caso, o proxecto está redactado e finalizado. O convenio formalizado entre o goberno provincial e o Concello pontenovés para a construción do edificio ascende a 2,2 millóns de euros -dos que o executivo municipal achegaría 300.000 euros-. O prazo de execución dos traballos, segundo concretan as mesmas fontes, é de doce meses.

A apertura da residencia da Pontenova é “o principal obxectivo” na presente lexislatura para o executivo municipal socialista, segundo afirmou o alcalde, Darío Campos, no pleno de investidura. Con todo, por agora non se cumpriron as previsións realizadas a finais da pasada, cando se estimaba que as obras de construción poderían iniciarse nese mesmo ano 2018.

En marzo de 2019 Concello e Deputación asinaron a escritura dos terreos -con máis de 2.200 metros cadrados-. Trátase dun espazo na contorna urbana, a 500 metros do núcleo pontenovés, preto do río Eo e rodeado de zonas verdes, coñecido como a Chousa de Vilaoudriz. O centro de maiores da Pontenova ofrecerá unhas 50 prazas30 de residencia e 20 de centro de día.

EN OUROL ASINOUSE UN CONVENIO PARA REFORMAR O ANTIGO COLEXIO

No que atinxe á residencia de Ourol, o convenio foi asinado en xuño de 2019, cun investimento de 1,6 millóns -dos que as arcas municipais achegarán 200.000 euros-. O goberno provincial asegura que se están a “pechar pasos administrativos” co executivo local, pero non ofrece unha data para o inicio do seguinte trámite dentro deste proxecto.

Neste caso, non se trata da construción dun centro de maiores, xa que a intención é reformar o CEIP Vicente Casabellainutilizado desde que a Xunta de Galicia pechou o colexio no 2015. O Concello xa entregou á Deputación a certificación catastral da parcela e a resolución da Consellería de Educación sobre a desafección do inmoble.

Desde a Deputación expoñen que se avanzará “progresivamente” na posta en marcha dos centros de maiores, priorizando aqueles que están nunha fase máis avanzada. Segundo anunciou o propio presidente, o socialista José Tomé, na presentación dos orzamentos para 2021, o executivo provincial prevé abrir neste ano “CastroverdePedrafitaMeira e Navia de Suarna“. O xeriátrico de Pedrafita do Cebreiro abrirá a vindeira primavera, segundo asegurou recentemente o deputado de Promoción Económica, Pablo Rivera.

As residencias da rede propia, como as de Trabada ou Ribadeo, xa en funcionamento, foron a gran aposta do executivo socialista na anterior lexislatura. Segundo os convenios asinados cos gobernos municipais, a Administración asume parte do custo das prazas, blindando que os usuarios teñan sempre dispoñible un mínimo dun 25% das súas pensións.

O GOBERNO PROVINCIAL DEBERÁ PECHAR UN ACORDO COA XUNTA PARA A XESTIÓN DOS CENTROS

Con todo, no novo mandado, a Deputación deu marcha atrás na súa idea de xestionar os servizos nos novos centros de maiores e non adquirirá novos compromisos de construción, ao entender tanto o PSdeG como o BNG, que forman o bipartito de goberno, que os orzamentos que requiren estes xeriátricos non son asumibles polas arcas provinciais, máis cando as competencias en materia de servizos sociais pertencen á Xunta de Galicia.

Esta situación conlevou polémica, asegurando o PP que os proxectos non rematados na anterior lexislatura non se ían acabar. A controversia política chegou ao pleno provincial, que en agosto do 2019 abordou a situación de varios proxectos, entre eles os da Pontenova e Ourol, pero tamén os de Castroverde, Pedrafita, Meira e Navia de Suarna, e os de A Fonsagrada, Becerreá, Cervantes, O Courel, Guitiriz, Pantón, A Pobra do Brollón, Portomarín e Ribas de Sil. Tomé garantiu publicamente a construción dos xeriátricos pactados, aínda que urxiu á Xunta de Galicia a asumir a súa xestión.

O goberno provincial non se pronuncia polo momento sobre os avances á hora de conquerir un acordo co Executivo autonómico para que asuma estes servizos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...