O Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da última fin de semana de xullo, que se despide coa Romaxe Viquinga, a Feira de Artesanía dos Muíños ou dous festivais de referencia da música electrónica.
ALFOZ
O sábado celebrarase (11.00 horas, Castelo de Castrodouro) o cuarto maratón de pintura ao aire libre de Alfoz. Ademais, terá lugar a inauguración da exposición conxunta ‘Acuarelando’, promovida polo artista Juan Ramón Alves e na que participaran un total de 15 artistas procedentes de Asturias, Madrid, León, País Vasco e Galicia.
BARREIROS
O centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro de Barreiros acollerá o sábado (12.00 horas) o espectáculo ‘Somos unha gran familia‘, a cargo dos Bolechas. A entrada é libre ata completar aforo.
BURELA
Burela celebrará este venres (hotel Galatea, 20.00 horas) o Día da Muller Afrodescendente cun encontro participativo.
A vila pesqueira burelá volve reivindicar a súa montaña coa romaría do Monte Castelo, que arrinca este venres.
CERVO
Sargadelos estira a celebración do Apóstolo, o pasado día 25, cun festival multidisciplinar que este venres ofrece obradoiros e unha festa hawaiana. O sábado haberá catas de cervexa artesá e produtos do mar e concertos con Ortiga e Ricky Hombre Libre, entre outros.
FOZ
Chez Damier sobresae no cartel do Tentacle Summer de Foz. O festival de house cumpre a súa sétima edición o sábado.
Aproveitando o verán, os comercios asociados á Acia de Foz sacan a súa mercancía á rúa durante o venres e o sábado.
MONDOÑEDO
A Feira de Artesanía dos Muíños mostrará o carácter único do barrio de Mondoñedo. O recoñecido actor e cómico Xosé Touriñán ofrecerá o pregón dos festexos. Desde as 19.30 horas do venres haberá actividades (xogos populares, concerto de Por mí Swing) pero o día grande será o sábado.
Sesión vermú, demostración e oficios e showcooking son algunhas das actividades que complementarán a exposición.
O VICEDO
A Romaxe Viquinga do Vicedo, que abrirá este venres (20.30 horas, exterior da casa da cultura) o pregón de Serxio Pazos, cumprirá catro anos cun programa cheo de actividades: o desembarco (sábado, 12.30 horas, praia de San Román), o torneo cristián (20.00 horas), ou a actuación ‘Terras de Queimada’ (23.00 horas), co posterior enterramento viquingo e espectáculo de lume, son algúns dos puntos centrais dos festexos. Podes consultar o programa completo neste enlace.
VEGADEO
A Feira de Antigüidades de Vegadeo reunirá un verán máis a decenas de postos de coleccionismo. Celebrarase o venres (de 16.00 a 21.00 horas) e sábado e domingo (de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas) no recinto feiral da Veiga.
VIVEIRO
Viveiro tamén ofrece música electrónica co festival Ether, que volve este sábado cun cartel no que destacan a DJ holandesa Lilly Palmer e o brasileiro Vinicius Honorio. Os concertos comezan ás 16.30 horas, na Praciña da Herba de Viveiro.
Continúan as festas patronais de Celeiro. Samba e Gran Parada animarán a noite do venres; Palladium e Decibelios ocuparanse da verbena do sábado e Trovadores e Satélites porán ritmo ao domingo.