InicioPolíticaO Valadouro, cun goberno en minoría e sen retribucións trala ruptura entre...

O Valadouro, cun goberno en minoría e sen retribucións trala ruptura entre PSOE e BNG

O executivo socialista ten difícil chegar a acordos e non conta con retribucións despois de que a oposición tumbase as dedicacións propostas

Publicada o

- Advertisement -

O pleno extraordinario convocado o pasado mércores polo executivo local do Valadouro evidenciou a ruptura do bipartito formado polo PSdeG-PSOE e o BNG, que despois de acordar a investidura do socialista Edmundo Maseda e de pactar gobernar en coalición non chegaron a un acordo no tocante ás retribucións dos concelleiros con dedicación.

Na sesión plenaria, Maseda revogou as competencias asignadas aos dous edís nacionalistas -obras e cultura, que ía asumir Eduardo Chao, e servizos sociais e turismo, que recaerían en Eliseo Teijeiro– para distribuílas entre un goberno socialista que quedou en minoría.

Ademais, a oposición -BNG, Partido Popular e a formación independente Udival– votaron en contra das dedicacións propostas polo executivo; unha exclusiva para o rexedor, por un importe de 20.000 euros, e outra para a concelleira María Mon, que levará educación, xuventude, deporte, familia e muller, e agora tamén servizos sociais, por un total de 10.000 euros.

AS DEDICACIÓNS, FONTE DE DESAVINZA

Os socialistas emitiron este xoves un comunicado no que expoñen a súa versión sobre o acordo. Aseguran que cesaron aos edís nacionalistas das súas competencias “dado que ao día seguinte do pleno de organización os concelleiros frontistas chamaron a varios traballadores para informalos de que non se facían cargo das áreas“.

No tocante ás retribucións, o PSdeG-PSOE do Valadouro insistiu na idea de, por mor da súa situación laboral, Chao comprometeu primeiro unha liberación para despois tentar cobrar o mesmo importe -22.000 euros- por unha dedicación parcial do 50% da xornada laboral, que supostamente quixo subir en última instancia a un 70%.

O edil nacionalista, pola súa banda, rexeitou as críticas dos socialistas, que o acusaron de “priorizar os cartos”, e salientou que ofreceu rebaixar de 30.000 a 15.000 euros a cantidade pactada no acordo de goberno para cada formación, destinada a sufragar as dedicacións dos edís. Unha proposta que o PSdeG-PSOE rexeitou.

Chao acusou ademais aos socialistas de “enganar” aos concelleiros do BNG para obter o seu apoio na investidura, sen unha vontade real de gobernar en coalición.

CAMBIO DE TON DO ALCALDE

A situación semella enquistada e, se ben Maseda se mostrou conciliador antes da sesión plenaria e aberto a un novo pacto cos nacionalistas, este xoves cargou contra os seus ex socios de goberno. “A confianza agora mesmo é pouca ou ningunha”, indica, para preguntarse “ata que punto os cidadáns traballadores e decentes terán que aguantar actitudes coma esta”.

Respecto da carencia de retribucións, o rexedor socialista afirmou que “non é o meirande problema. Non lle poderemos dedicar tantas horas ao Concello, pero imos sacar as cousas para diante. Quero tranquilizar aos veciños porque imos buscar consenso para facer o que comprometimos no programa”, sinalou.

SITUACIÓN DE FRAXILIDADE

Malia que Maseda dise decidido a gobernar en minoría, a situación dos socialistas é de fraxilidade, como demostrou o pleno extraordinario do xoves. Sen o apoio dos dous edís BNG, non lles bastaría pactar con Udival para obter unha maioría suficiente.

Ademais, as relacións entre os socialistas e a formación independente -que protagonizaron un polémico goberno bipartito entre 2013 e 2015- son complicadas, despois de que o ex edil do PSdeG-PSOE Pedro Paz integrase como número 2 a candidatura de Udival.

Tamén se presenta inverosímil un pacto co tradicional rival político dos socialistas, o PP. Así as cousas, que PSdeG-PSOE e BNG retomen as negociacións non está descartado, aínda que as posturas semellan por agora moi afastadas.

“Estamos abertos a todo”, expón Maseda, que desliza a posibilidade de que o BNG poida gobernar no Valadouro co apoio do PP. “Foi unha opción que xa se nos plantexou durante as negociacións”, asegura. O Xornal da Mariña non puido coñecer a versión de Chao ao longo do xoves.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...