A axenda de ocio: teatro, gastronomía, deporte e exposicións animan o remate de abril

Mondoñedo e A Pontenova prepáranse para As Quendas e a Festa da Troita, o primeiro de maio

Obra de teatro 'Saaaabor!', que se representará en Burela. AXM

Coma cada venres, o Xornal da Mariña repasa a axenda de ocio da fin de semana. O primeiro de maio, mércores, tamén haberá eventos importantes, coa celebración das Quendas en Mondoñedo e a Festa da Troita da Pontenova.

ALFOZ

O sábado rematan, logo dun intenso mes de abril, as Olimpíadas Interparroquiais de Alfoz. A proba dos xogos populares (pavillón municipal, 17.00 horas) decidirá a fegresía gañadora.

BURELA

O teatro será o protagonista en Burela. Félix Rodríguez e Fran Rei recrearán o sábado a obra cómica ‘Saaaabor!’, dirixida por Avelino González. A representación comezará ás 18.00 horas no auditorio, e a taquilla abrirá unha hora antes. O prezo da entrada é de 2,5 euros.

CERVO

O encoro de Río Covo acolle este sábado o Campionato Galego Infantil de K1 e C1, coa presenza duns 300 piragüistas.

FOZ

O sábado, na librería Bahía (12.00 horas), Fran Amil e o saxofonista Ricardo Casas darán un concerto para crianzas de dous a oito anos. A entrada é de dous euros (tres para adultos) para non socios da Anpa da Escola de Música.

MONDOÑEDO

A compañía Touporroutou Teatro presenta ‘Comedia Bífida‘ de Manuel Núñez Singala, que será representada no Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo este sábado, 27 de abril, ás 20.00 horas.

Desde o 29 de abril comezarán as Feiras e Festas das Quendas, con reclamos como o concerto do músico Blas Cantó, ex do grupo Auryn, o día 30, ou o recital Mondoñedo É Poesía, o primeiro do maio, no que participarán Olga Novo e Antón Reixa, entre outros poetas. Aquí podes consultar o programa completo.

A PONTENOVA

A Pontenova ofrece un vindeiro sábado unha xornada completa para os amantes da música tradicional.

Cartel do encontro. AXM

Obradoiros de baile, canto e pandeireta, sesión vermú amenizada por Nela de Bres e actuacións musicais (entre elas a de Tumba e Dálle) compoñen un programa que pechará unha foliada aberta ao público.

Será un aperitivo da Festa da Troita, que se celebrará o primeiro de maio e que pregoará Isabel Blanco.

Cartel da Festa da Troita. AXM

O VICEDO

A Ruta de Pinchos do Vicedo ofrece petiscos a dous euros desde este venres (de 20.00 a 23.00 horas). Na primeira fin de semana da cita, o Chiringuito da Abrela ofrecerá ameixas e kokotxas. O restaurante Area Grande de San Román proporá o pincho ‘Mistura‘. Na mesma localidade, Casa Fanego preparará ‘Pescada do pincho de Celeiro con puré vermello e salsa chumichurri‘.

RIBADEO

O sábado, ás 18.30 horas na oficina de turismo, inaugurarase a exposición sobre Suso Peña, recentemente nomeado, a título póstumo, Fillo Predilecto de Ribadeo. A mostra títulase ‘Mestre de vida e soños‘.

VIVEIRO

O sábado, a Carreira de Montaña Montes de Viveiro (Camovi) xuntará arredor de 750 atletas, entre eles Oiahna Kortázar, campioa das Skyrunning World Series, ou Aritz Egea, no top 10 do circuíto mundial.

XOVE

San Isidoro de Monte celebra as súas festas o 27 e 28 de abril. O sábado haberá un xantar en carpa que amenizarán Mayer e Fénix. Ás 19.00 haberá degustación de queimada.

Cartel do San Isidoro. AXM

O domingo celebraranse a xuntanza cabalar e ruta de sendeirismo, con posterior sesión vermú.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here