InicioCulturaVinte plans para a ponte de Semana Santa na Mariña e occidente...

Vinte plans para a ponte de Semana Santa na Mariña e occidente de Asturias

Verbenas, monólogos, rutas de tapas, carreiras populares, exposicións, festas gastronómicas e celebracións relixiosas compoñen a variada oferta de ocio

Publicada o

- Advertisement -

O Xornal da Mariña propón 20 plans para esta ponte de Semana Santa na Mariña Lucense e occidente de Asturias.

ALFOZ 

1/ Alfoz rendirá culto á tapa os días 19, 20 e 21 de abril. Cinco locais ofrecerán un total de dez receitas para contentar a todos os padares. O sábado haberá ecomercado e cantos de taberna, con autobús para quenes queiran realizar todo o percorrido.

Ruta das tapas de Alfoz. AXM

BARREIROS

2/ Mar e Monte impulsa a ruta das mareas, polas praias, con saídas a pé desde Altar (8.30) ou en bus desde a Praza do Concello (8.00). Anotan no 622.75.80.79.

3/ O domingo (12.15 horas) dispútase a sétima edición da carreira Praias de Barreiros, que percorre parte da costa do municipio, de Arealonga a Altar (arredor de dez quilómetros). O prazo de inscrición remata o venres. Anotan na web ou no número de teléfono 649.57.13.60.

Carreira das Praias de Barreiros. AXM

BURELA

4/ Burela mostra o seu potencial xeolóxico coas Xeorutas, da man do especialista Fran Canosa. Celebraranse durante toda a ponte con tres itinerarios: A Marosa, O Perdouro e O Cantiño, que permite coñecer os fermosos arcos da coñecida como igrexa de Coedo.

5/ O Concello de Burela tamén manterá aberta esta semana o barco-museo boniteiro Reina del Carmen. Podes consultar o horario aquí.

CERVO

6/ O actor galego Pepo Suevos ofrecerá o Venres Santo un monólogo na casa da cultura de San Cibrao, a partir das 19.30 horas. A entrada é de balde.

7/ O sábado, no mesmo escenario pero ás 20.00 horas, haberá un espectáculo musical de tributo a Joaquín Sabina.

FOZ

8/ Foz saboreará a ruta de tapas da Acia, que se prolongará durante toda a fin de semana. Quince locais ofrecerán petiscos a dous euros.

9/ 25 negocios da asociación de comerciantes venderán os seus produtos na rúa, con descontos. Ademais, haberá un Mercado de Pascua, todo o día (11.00-22.00) o venres e o xoves, na Praza de Conde de Fontao.

10/ Tá en Artes inaugurou este mércores a exposición ‘Diálogos’, en homenaxe a Suso Peña. Con obras de David Catá, Caxigueiro ou Otero Regal, entre outros, e tamén de artistas de fóra da Mariña Lucense, pode verse no Cenima de 18.00 a 20.00 horas durante toda a fin de semana.

Exposición ‘Diálogos’. CONCELLO DE FOZ

11/ A basílica de San Martiño de Mondoñedo poderá verse de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas. Informan no 982.13.26.07.

LOURENZÁ

12/ Lourenzá acollerá a primeira actuación na provincia de Lugo da xira da orquestra Panorama. A actuación da formación, ás 0.30 horas na carpa do recinto feiral, coroará un Xoves Santo animado na vila, coa xuntanza de vehículos clásicos de VespaFaba.

Tamén desde o xoves celebrarase o torneo de baloncesto Lourenzá en Xogo, que seguirá ata o 20 de abril.

MONDOÑEDO

13/ En Mondoñedo, a Semana Santa, na que participarán unhas 300 persoas, locirá tallas dos séculos XVII e XVIII. Podes consultar neste enlace os horarios das procesións e actos relixiosos, desde o Xoves Santo ao Domingo de Pascua.

14/ O sábado, a Casa da Xuventude acollerá ‘Canta miña pedra canta‘, un espectáculo de Xoán Curiel e Charo Pita para homenaxear a Antonio Fraguas, protagonista do Día das Letras. O evento comezará ás 18.30 horas.

RIBADEO

15/ Aínda quedan prazas para visitar As Catedrais, con solicitude obrigatoria. Podes formular a túa reserva aquí.

SAN TIRSO DE ABRES

16/ San Tirso de Abres celebra o 18 e 19 de abril a vixésimo segunda edición da súa Feria de Semana Santa, con produtos típicos e artesanía. Haberá servizo de bar e polbería e catro locais ofrecerán unha ruta de tapeo.

Cartel da feira de artesanía de San Tirso. AXM

TARAMUNDI

17/ O sábado, Taramundi exaltará un dos seus produtos máis apreciados na Feria del Queso, de 11.00 a 15.00 horas no pavillón municipal.

VIVEIRO

18/ Continúan as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro con Suso Martínez.

Visitas guiadas. AXM

19/ As rutas serán complementos da celebración da Semana Santa de Viveiro, de Interese Turístico Internacional. O xoves, ás 19.30 horas, arrincará de San Francisco a procesión da Última Cea, e ás 22.00 horas a do Prendemento. De madrugada, ás 00.30, sairá da Capela da Misericordia a procesión homónima.

O venres, as procesións de Viveiro iniciaranse ás 10.00 horas co Encontro, na Praza Maior. Ás 12.00 horas será o Sermón das Sete Palabras, desde San Francisco; ás 18.30 horas sairá de Santa María a do Descendemento e ás 19.30 horas será a quenda do Santo Enterro, tamén desde a Igrexa de Santa María.

Virxe da Clemencia. WIKIPEDIA

Tamén o día 19 haberá unha procesión extraordinaria da Paixón con motivo do 75 aniversario da Confraría do Santísimo Cristo da Piedade, que sairá ás 22.00 horas de San Francisco. Para pechar a xornada, celebrarase a medianoite o Sermón da Soidade, seguido dunha procesión.

Finalmente, o sábado ás 19.30 horas sairá a procesión da Esperanza da Resurreción, desde San Francisco, o mesmo emprazamento desde o que arrincará o Via Crucis do domingo, ás 19.30 horas. Antes, ás 12.00 horas, a procesión do Encontro de Resurrección partirá de Santa María.

Cartel da Festa do Polbo da Pedra de Xove. AXM

XOVE

20/ Xove festexa a Semana Santa con gastronomía. A Festa do Polbo da Pedra, o xoves desde as 12.00 horas, reivindica o sabor dos octópodos capturados ao pé da costa, onde se alimentan de marisco e peixe. Os asistentes poderán degustar as racións clásicas a dez euros e noutras dez especialidades.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...